Dez novos detidos polos incidentes da protesta de bateeiros en Santiago do 13 de abril

Momentos de enfrontamento entre bateeiros e policía (Captura de pantalla da CRTVG).

Impútanlles delitos de desordes públicas, atentado a axentes da autoridade e lesións.

Un total de dez persoas foron detidas pola Policía española pola súa suposta participación nos incidentes rexistrados durante a protesta do sector do mexillón o pasado 13 de abril en Santiago de Compostela.

Hoxe, cuarta feira, máis de dous meses despois da concentración ás portas da sede da Xunta en San Caetano que derivou nun enfrontamento entre os manifestantes e as forzas da orde, a Policía transladou que a investigación por estes feitos concluíu co arresto de dez persoas.

Impútanlles delitos de desordes públicas, atentado a axentes da autoridade e lesións. por uns incidentes que, segundo a policía, terminaron con 16 axentes feridos.

O 13 de abril, un grupo de bateeiros concentráronse á primeira hora da mañá ante o edificio administrativo de San Caetano, en Santiago. As protestas arrincaron sobre as oito da mañá e, como en anteriores días, coincidían coa xornada na que o Goberno galego reúnese nesta sede.

Os incidentes comezaron minutos antes das nove, cando se produciu unha carga policial que os participantes cualificaron de "desproporcionada", con disparos de pelotas de goma "á altura da cabeza" e "porrazos na cabeza e brazos".

As protestas trasladáronse máis tarde ás inmediacións da comisaría de Santiago despois de que unha muller fose arrestada para, despois, regresar ás portas da sede do Goberno galego. En total, naquela xornada foron detidas dúas persoas e producíronse varios feridos.

Nun comunicado, a Polícia española asegurou que as concentración do 13 de abril realizouse sen ser comunicada oficialmente e os seus participantes comportáronse "con gran violencia contra o dispositivo policial", no que participaron membros da UIP e a UPR.

Durante esa xornada, as forzas da orde comisaron "paus de gran tamaño, petardos, parafusos, porcas, cadeas, reixas metálicas dos desaugadoiros, bolardos metálicos" e "utensilios de fabricación caseira para o lanzamento de obxectos".