Os novos contaxios superan o medio milleiro nas últimas 24 horas

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)

Os novos contaxios da Covid-19 disparáronse por encima dos 500 até os 559 e os casos activos repuntan a 3.670, polo que se sitúan a nivel de finais de agosto do ano pasado, mentres que a taxa de positividade chega ao 6,5% e os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 60 -dous máis-, deles dez permanecen en UCI.

Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, aumentan a 10 as persoas ingresadas na UCI pola Covid -unha máis- e increméntanse a 50 as que permanecen noutras unidades -unha máis-. Pola súa banda, 3.610 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Vigo e Santiago e Barbanza; aumenta nas de Ourense, A Coruña e Cee e Ferrol; e mantense nas de Lugo e Pontevedra e Barbanza.

Así, a área de Vigo segue sen pacientes Covid en UCI e reduce a cinco os que se atopan hospitalizados noutras unidades -dous menos-; e a de Santiago e Barbanza queda sen críticos -a xornada anterior tiña un- e continúa un noutra unidade.

Polo seu lado, a área de Ourense mantense sen ingresados pola Covid en UCI e rexistra sete noutras unidades -tres máis-, mentres que na da Coruña e Cee soben a tres o críticos -un máis- e permanecen 18 noutras unidades. E na de Ferrol hai dúas en coidados intensivos -sen cambios- e cinco noutras unidades -un máis-.

Sen cambios segue a de Lugo, cun paciente en UCI e catro noutras unidades; mentres que na de Pontevedra e Barbanza hai catro en críticos -un máis- e 10 noutras unidades -un menos-.

Casos activos en ascenso

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 disparáronse a 3.670, que supoñen 439 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (559) que altas (120). Hai unha semana, na sexta feira 2 de xullo, rozaban os 2.000, polo que aumentaron en máis de 1.670.

Deste xeito, rexistran un novo incremento por décimo sexta xornada consecutiva e mantéñense en niveis de finais do mes de agosto do ano pasado -o día 30 había 3.724-.

Por áreas sanitarias as infeccións activas ascenden de forma máis acusada na de Ourense (+123) e Vigo (+98); seguidas das de Santiago e Barbanza (+73), Pontevedra e O Salnés (+48), Lugo (+43), A Coruña e Cee (+36) e Ferrol (+18).

Por tanto, a área da Coruña e Cee mantense á cabeza con 745 casos activos; seguida da de Vigo, con 734; Pontevedra e O Salnés, con 663; Ourense, con 606; Lugo, con 395; Santiago e Barbanza, con 386; e Ferrol, con 141.

Contaxios á alza

Pola súa banda, os novos contaxios da Covid-19 disparáronse por encima dos 500 até os 559, que supoñen 147 máis que os 412 da xornada pasada e máis do dobre dos 271 de fai sete días. Por tanto, continúan por encima dos 200 positivos desde o xoves 1 de xullo e do centenar desde o 24 de xuño.

En toda a Galiza foron confirmados 555 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), segundo os datos actualizados por Sanidade, 145 máis que a xornada pasada, dos cales 135 corresponden á área de Ourense, 125, á de Vigo; 88, á de Santiago e Barbanza; 71, á de Pontevedra e O Salnés; 61, á de Lugo; 56, á da Coruña e Cee; e 19, á de Ferrol.

Galiza efectuou 2.402.119 PCR desde o inicio da pandemia, 5.665 probas máis que as rexistradas até a xornada anterior e unhas 500 máis que as realizadas o día pasado.

En canto á taxa de positividade das PCR na Galiza disparouse a un 6,5% após manterse nun 5,8% nas dúas xornadas anteriores despois de iniciar a semana nun 3,6% e reducirse a un 2,7% na terza feira. Segue por encima dese 5% que estabelece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que a Galiza non superaba desde o 15 de febreiro.

Polo seu lado, as persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 no conxunto da Galiza desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.439, ao non notificar Sanidade na quinta feira ningunha nova vítima mortal.

O último óbito notificado corresponde a unha muller de 38 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC). É a quinta vítima da pandemia na Galiza que ten menos de 40 anos.