Os contaxios da Covid-19 aumentan de forma "explosiva" en Ourense

Un veciño de Ourense pasea pola cidade en bicicleta, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O xerente da área sanitaria, Félix Rubial, volve amosar a súa preocupación e destaca que o 75% dos infectados son persoas menores de 35 anos.

"Explosivo". Así é o incremento dos contaxios pola Covid-19 segundo o xerente da área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, Félix Rubial. Despois de varios días amosando a súa preocupación, agora o responsábel da demarcación fai un chamamento para que a cidadanía acuda aos cribados, unha das formas de control epidemiolóxico que volve coller forza nestas semanas.

Rubial explicou esta sexta feira que en tan só 24 horas os positivos chegaron até os 606, subindo 141 casos con respecto á xornada anterior. En consecuencia, conclúe que o crecemento está a ser "explosivo".

Malia recoñecer que eses datos non se trasladas aos centros hospitalarios en grandes cantidades, si incide en que a xente atenda á súa "responsabilidade individual" para tomar as precaucións necesarias para non infectarse co virus.

Neste sentido, afirmou que "independentemente" de que a infección na saúde dos máis novos "maioritariamente é asintomática e noutros casos preséntase con moi poucos síntomas", aínda hai moitas persoas sen ter a pauta de inmunización completa. En consecuencia podería haber contaxios a persoas máis maiores, tamén a cidadás nas que na inmunización non foi completa e mesmo ao resto de mocidade que si poda ter máis riscos.

"Corren o risco na contorna doméstica de contaxiar a persoas que si poden sufrir os efectos da enfermidade", destacou Rubial. Así comentou que neste momento o 75% das doentes son menores de 35 anos.

Nesta liña, pediulles que non esquezan ir a cribados como o convocado en Barbadás. "É unha medida de seguridade para un mesmo pero tamén para a súa contorna", defendeu.

En setembro, cos menores de 20 anos

En paralelo a estas advertencias, a Xunta anunciou que estima que a vacinación nas galegas e galegos menores de 20 anos comezará a mediados do mes de setembro. "Se non vacinamos máis é porque non chegan as vacinas", lamentou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.