Os novos contaxios rexistrados volven subir ás portas da nova fase de desescalada

(Foto: Europa Press)

Seguen en descenso os hospitalizados con Covid, 48 menos, e os casos activos caen a 6.772

Os pacientes con Covid-19 hospitalizados na Galiza seguen en descenso, con 48 menos, até os 586, deles 121 en UCI -doce menos-. Tamén se mantén a tendencia descendente nos casos activos de coronavirus, que se sitúan en 6.772 unha xornada antes de que se inicie a  desescalada progresiva co alivio de medidas.

Porén, aumentan os contaxios rexistrados nas últimas 24 horas: 320 fronte aos 279 da terza feira e os 216 da segunda.

Así se desprende dos datos actualizados pola Consellaría de  Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta cuarta feira, nos que se indica que, ademais dos 121 hospitalizados con UCI, hai 465 ingresados noutras unidades, o que supón 36 menos que a xornada anterior.

Os hospitalizados con coronavirus descenden en seis das sete áreas sanitarias galegas, xa que na da Coruña e Cee mantéñense 42 pacientes en UCI e hai 145 noutras unidades -dúas máis-.

Mentres, os casos activos de Covid-19 manteñen a tendencia descendente e sitúanse en 6.772, o que implica 520 menos que os rexistrados ata a xornada anterior.

A redución é xeralizada nas sete áreas sanitarias, dúas das cales se manteñen por encima do milleiro de casos activos; a da Coruña e Cee, con 2.185; e a de Vigo lixeiramente, con 1.056.

Por contra, os novos  contaxios diarios detectados por calquera tipo de proba  repuntan lixeiramente ata os 320 -fronte aos 279 da xornada anterior-, deles 260 positivos confirmados por  PCR nas últimas 24 horas. Destes últimos, 76 corresponden á área da Coruña e Cee; 62 á de Vigo; 39 á de Pontevedra e O Salnés; 27 á de Santiago e Barbanza; 22 á de Lugo; 19 á de Ferrol; e 15 á de Ourense.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test  PCR realizados- incrementouse a un 4,7%, tras baixar a un 3,3 por cento o día anterior, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) marca como máximo para dar por controlada a pandemia.

A pandemia deixa na Galiza até a data 2.205 persoas falecidas tras ser diagnosticadas con coronavirus, despois de notificar  Sanidade na noite desta cuarta feira a morte doutras 9 vítimas. Todas elas presentaban patoloxías previas.