A pandemia provoca que nas 6 primeiras semanas de 2021 morresen 258 persoas máis que nas de 2020

Un vehículo dunha funeraria saíndo da residencia Porta do Camiño, en Compostela, unha das habilitadas pola Xunta de Galiza para acoller usuarios e usuarias de centros de maiores do norte do territorio galego coa COVID-19 (Foto: Arxina).
Até finais de 2020, a cifra de persoas falecidas creceu na Galiza un 6,28% respecto ao ano anterior

Galiza rexistra un total de 4.642 mortes nas seis primeiras semanas de 2021 (até o 7 de febreiro), o que supón un exceso de 258 defuncións respecto ao mesmo período de 2020, un 5,87% máis.

Así figura nos datos publicado esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que realiza unha táboa experimental durante o foco de Covid-19 con cifras de defuncións que actualiza cada dúas semanas.

Esta taxa de incremento de falecidos na Galiza é inferior á media estatal nas seis primeiras semanas, onde se alcanza 23,87% de alza (cun exceso de 9.914 falecementos).

Até finais de 2020, a cifra de persoas falecidas creceu na Galiza un 6,28% respecto ao ano anterior (1.959 defuncións máis), ao que agora súmase o exceso deses 258  óbitos.

Estas 2.217 defuncións acumuladas (o INE recolle as ocorridas por calquera causa) na Galiza desde o inicio da pandemia son superiores ás 1.967 mortes relacionadas con Covid notificadas pola Consellería de  Sanidade ao 7 de febreiro de 2021.

Por provincias, nas seis primeiras semanas do ano, A Coruña está á cabeza unha repunta de mortes (+24%), mentres hai un lixeiro ascenso en Ourense (+0,26%). En cambio, hai un descenso en Lugo (-16,9%) e en Pontevedra (-1,29%).