Os novos contaxios rexistrados de Covid aumentan a 630 en Galiza e os casos activos xa superan os 5.000

Unha persoa recibe unha vacina nas instalacións habilitadas en Compostela. (Foto: Europa Press)
A taxa de positividade repunta a un 8% e os pacientes ingresados por este coronavirus descenden lixeiramente a 66

Galiza inicia esta semana cunha repunta dos novos contaxios de Covid-19 a 630 e unha suba dos casos activos a 5.058, mentres que a taxa de positividade dispárase a un 8% e os pacientes hospitalizados por este coronavirus descenden lixeiramente a 66.

Segundo os datos actualizados na mañá deste segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste domingo, recollidos por Europa Press, continúan 11 persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 e descenden a 55 as que se atopan noutras unidades de hospitalización -unha menos-. Pola súa banda, hai 4.992 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Vigo e A Coruña e Cee; aumenta lixeiramente nas de Ourense e Santiago e Barbanza; mentres se mantén sen cambios nas de Pontevedra e O Salnés, Lugo e Ferrol.

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 superan os 5.000 ao se situar en 5.058, que supoñen 497 máis que a xornada anterior ao haber máis contaxios (630) que altas (133). Con respecto a hai sete días, representan máis do dobre, xa que a segunda feira pasada -5 de xullo- había 2.466. Deste modo, sitúanse en niveis de finais de febreiro deste ano.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas ascenden de maneira máis acusada na de Ourense (+157); seguida polas de Vigo (+98), Pontevedra e O Salnés (+83), A Coruña e Cee (+74), Santiago e Barbanza (+51), Lugo (+20) e Ferrol (+14).

En canto aos novos contaxios de Covid-19 en Galiza seguen por riba do medio milleiro desde a sexta feira pasada e disparáronse a 630, que implican 111 máis que os 519 rexistrados o domingo e 25 menos que os 655 do sábado. Por tanto, os positivos mantéñense por ribados 200 desde o1 de xullo e do centenar desde o 24 de xuño.

En toda Galiza foron confirmados 630 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), segundo os datos actualizados por Sanidade, 70 máis que a xornada pasada, dos cales 178 corresponde á área de Ourense; 116, á de Vigo; 103, á de Pontevedra e O Salnés; 90, á da Coruña e Cee; 57, á de Santiago e Barbanza; 32, á de Lugo; e 16, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR aumerntou até o 8%, após repuntar a un 6,6% a xornada anterior despois de días de paulatino ascenso. Así, segue por riba dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galiza, até esta semana, non superaba desde o 15 de febreiro.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.439, ao non notificar Sanidade este domingo ningunha nova vítima mortal por cuarto día consecutivo.