A inmunización completa contra o coronavirus chega xa ao 58% da poboación

Espazo para a vacinación masiva en Vigo. (Foto: Europa Press)
O 76% das galegas e galegos considerados para o tratamento fronte á Covid-19 teñen polo menos unha das doses. O Sergas afirma que xa administrou 3.055.575 desde que comezou a campaña de vacinación.

Galiza xa conta co 58% da súa poboación diana inmunizada contra a pandemia, ao ter inoculadas as dúas doses do fármaco que lle tocara. A Consellaría de Sanidade fala de que esa pauta completa xa chegou a 1.425.067 persoas. Ademais, o 76,6% da cidadanía ten polo menos a primeira picada.

Na última xornada, os equipos sanitarios das infraestruturas de vacinación contra a Covid-19 estabelecidas por todo o país inocularon 32.242 unidades dos medicamentos. Segundo Europa Press, que recolleu os datos facilitados polo Sergas, a maioría desas doses foron a parar a xente que xa tiña unha delas e só precisaba completar o tratamento. Así se deduce de que, entre a xente chamada pola súa idade, a 1.560.655 cidadáns administróuselles polo menos unha dose (+158) e 1.227.155 teñen a pauta completa (+32.227).

Pola condición de vulnerabilidade respecto dun posíbel contaxio, o último balance apunta a que se administrou polo menos unha parte do medicamento a 15.084 persoas de alto risco e 14.768 completaron a pauta, polo que neste caso non houbo variacións en relación ao día anterior.

Ademais, mentres que 17.610 dependentes non institucionalizados recibiron polo menos unha dose e 17.376 contan coa pauta completa. Ademais, 26.444 persoas institucionalizadas teñen polo menos a primeira parte do remedio e 26.300 remataron o proceso, o que tampouco implica modificación nas cifras.

No relativo aos individuos vacinados pola súa probabilidade de exposición ao virus, 72.927 traballadores do ámbito sanitario recibiron polo menos a primeira dose (+1) e 71.589 están inmunizados (+9). Así mesmo, administrouse a primeira inxección a 27.360 profesionais do ámbito sociosanitario e 26.690 xa están inmunizados.

Reparto por grupos de idade

Por grupos de idade, recibiron polo menos unha dose até o momento 131.195 persoas maiores de 85 anos (sen cambios); 96.039 de 80 a 84 anos (sen cambios); 134.187 de 75 a 79 anos (sen cambios); 152.692 de 70 a 74 anos (+1); 160.038 de 65 a 69 anos (+3); 169.671 de 60 a 64 anos (+7); 184.182 de 55 a 59 anos (+7) e 192.046 de 50 a 54 anos (+19).

A estas hai que engadir 198.300 persoas de 45 a 49 anos (+1.173) e 185.796 de 40 a 44 anos. Así, até o momento foron vacinados 384.096 cidadáns de 40 a 49 anos, un 86,7% dos 443.000 habitantes desta franxa de idade. Igualmente, foron tratadas 116.203 persoas de 35 a 39 anos (+37) e 20.900 de 30 a 34 anos (+14), grupos aos que se comezou a vacinar a semana pasada.