Novo atraso no tren que une Vigo e A Coruña: terceira demora en quince días

Tren de media distancia. (Foto: Renfe)
Renfe informou dun retraso aproximado de 40 minutos, debido a unha "avaría na infraestrutura de Adif". 

Usuarias e usuarios do servizo ferroviario de Renfe veñen de notificar retrasos na liña que une as cidades de Vigo e A Coruña. En concreto, e segundo notificou a compañía nas súas redes sociais, trátase do MD 9182.

Renfe informou dun retraso aproximado de 40 minutos, debido a unha "avaría na infraestrutura de Adif". 

O tren debía chegar ás 19:05 horas a Santiago de Compostela mais, segundo as previsións da propia compañía ferroviaria, este non chegaría até as 19.48 horas, sen que este xornal teña constancia no momento de escribir a noticia de que esa fose finalmente a hora de chegada.

Porén, outros usuarios denunciaron que esta demora foi aínda maior, superando os 50 minutos, e que o tren estivo parado á altura de Vilagarcía de Arousa sen electricidade.

Nova demora

Non é a primeira demora que ten lugar nesta liña no último mes. A pasada semana, outro tren que cobre este servizo estivo avariado durante uns 45 minutos na vía, provocando demoras noutros trens que pasan por ese mesmo traxecto.

Quince días atrás, outro tren da liña Vigo-A Coruña tivo que volver a estación de Vigo á altura de Redondela por mor dunha nova avaría.

A estas avarías e demoras súmanse os pequenos retrasos que cada mañá sofren traballadores e traballadoras que acoden a traballar no tren de Vigo a Santiago de Compostela e á Coruña.