Novo pulso a Educación nas reválidas de 3º de Primaria

[Imaxe CIG]

A proba desenvólvese entre hoxe 24 de maio e mañá 25 de maio. Atinxe 15.474 estudantes e a Plataforma galega en defensa do ensino público chama a boicoteala. 

Esta terza feira e o 25 de maio teñen lugar na Galiza as reválidas en 3º de Primaria. En total as probas de avaliación atinxen 15.474 estudantes. Ao igual que en 6º curso, a Plataforma galega en defensa do ensino público chama ao boicote das familias e convoca mobilizacións. 

Após o suceso nas probas de 6º de Primaria nas que máis do 80% do alumnado ficou na casa, segundo a Plataforma --o 40% para a Xunta-- as organizacións que integran PGDEP lanzaron un chamamento a repetir a acción perante a "obstinación" da Consellaría de Educación que rexeitou desconvocar as probas como reclamaba a Plataforma. 

Para o portavoz da PGDEP isto supón un "acto de tiranía" no que achan "un despilfarro de tempo escolar e de cartos". O pasado ano o estudantado de 3º curso foi o primeiro en se someter a estas avaliacións introducidas coa aplicación da LOMCE. Na altura, por volta do 50% do estudantado estivo ausente. 

Para alén da chamada ao boicote, a Plataforma convoca unha concentración ás portas da Cosellaría de Educación (San Caetano, Compostela) ás 11.15h.