As reválidas, guía para familias con dúbidas

[Imaxe Stellae USC]

Nais e pais da Galiza ollan con dúbidas a proba que deberán realizar, após a aplicación da LOMCE, as crianzas de 3º e 6º de Primaria. Explicamos en que consiste e que efectos reais terá. 

Os días 24 e 25 de maio o alumnado de 3º de Primaria someterase por segunda vez a un exame no que serán avaliados os seus coñecementos a respeito dalgunhas das materias que cursan. Por vez primeira, o estudantado de sexto de Primaria faráo os días 11, 12 e 13 de maio

A estes exames están chamadas por volta de 44 mil persoas en todo o país, entre os dous cursos. Porén, moitas familias amosan as súas dúbidas perante os efectos reais destas probas e, nomeadamente, sobre a chamada lanzada pola Plataforma galega en defensa do ensino público que defende non acudir a aulas nesas datas como boicote á aplicación da LOMCE. 

Así pois, presentamos unha guía para familias. 

  • En que consisten as probas?

Serán distintas para 3º e 6º de Primaria. No primeiro caso avaliaranse competencias lingüísticas en español e galego e matemáticas. En sexto serán avaliadas competencias lingüísticas en galego, español e inglés; matemáticas e científicas-tecnolóxicas. A respeito da duración e a extensión aínda non é definitiva, explica en conversa con Sermos Galiza, Fernando Lacaci, portavoz da Confederación Anpas Galegas. Ora ben, de acordo cos criterios fixados pola LOMCE tratarase de sesións de avaliación entre 35' e 50 minutos repartidas en diversos días, de igual maneira que os cuestionarios non serán superiores a 50 preguntas.

Matemáticas será avaliada en español e as competencias científico-tecnolóxicas decidirán as familias en que lingua será feita a proba


Fernando Lacaci subliña o tratamento que recibe a lingua galega na aplicación das reválidas e a súa exclusión de maneira "sutil", denuncia pois as competencias matemáticas en 3º curso serán avaliadas en español mentres que as competencias cientifico-técnicas en 6º curso a lingua en que se desenvolva a proba poderá ser "decidida polas familias". Unha "pretendida liberdade lingüística que impón cada vez máis o español". Ao final, sinala Lacaci, "o galego só serve para ensinarse a si propio". 

  • Son obrigatorias? Que acontece se as miñas crianzas non van á escola eses días?

"As probas son obrigatorias para a administración", explica Lacaci. Porén, "hai moitas Comunidades Autónomas que non a van facer" pois teñen presentados senllos recursos de inconstitucionalidade perante a "invasión competencial" na que, defenden, incorre a LOMCE. Outras, "decláranse insumisas". Neste senso, "ao non ser un acto académico" senón algo semellante a "un festival de fin de curso", só se sometará a elas o estudantado que acuda á aula. Mais, acrecenta Lacaci, "non é como un exame curricular, non forman parte do expediente "

  • Quen elabora e avalía as probas?

"O cuestionario realízao profesorado que vén de fóra" através dunha "empresa externa" contratada polo Ministerio de Educación español o que "uniformiza" a avaliación do estudantado a nivel estatal "obviando a realidade cultural e xeográfica" do estudantado, sinala. No caso da avaliación, en 3º de Primaria aplican o exame "profesorado do centro mais non das materias avaliadas" isto é na práctica, Inglés, Música e Educación Física. En 6º curso aplican e avalían a proba "profesorado que non impartan aulas ao estudantado". 

O cuestionario é uniforme para o conxunto do Estado español e realízao unha empresa privada

  • Como se puntúan?

"En principio as probas de 3º é unha avaliación globalizada", di Lacaci, polo que de acordo coa experiencia do pasado curso os exames serán puntuados cun "correcto (PA) ou incorrecto (NPA)". As de 6º curso "vai haber niveis de resultados" embora descoñecer se o farán "en número ou cualificación". "Non entendemos moi ben por que é así se non consta no expediente", apunta. Así as cousas, asegura que se trata dun "fleco" que ficou das sucesivas mudanzas padecidas pola lei debido á presión popular. Entre elas, este exame era concibido inicialmente como unha proba de obrigada aprobación para superar a etapa educativa, mais finalmente ficou "sen efectos legais". 

A proba non é curricular polo que non é obrigatoria para o alumnado

  • Elaboraranse ránkings e faranse públicos?

A administración insiste en dicir que estas probas non se traducirán na elaboración de rankings de centros mais, ao mesmo tempo, sinala que os resultados permitirán detectar as carencias do alumnado e a posibilidade de incorporar plans de mellora nas escolas que peor avaliación obteñan. "Se existe unha nota tamén unha posibilidade de que se elaboren clasificacións", di Fernando Lacaci. Quizais non através do goberno mais "é fácil que os centros privados fagan públicos os seus resultados igual que acontece actualmente cos de selectividade". 

  • En que consisten os exames complementarios para familias e centros de ensino?

"Mándanse cuestionarios ás familias" para describiren o contexto socio-económico no que se atopa o estudantado. Porén, estas enquisas son de carácter "voluntario". A respeito dos centros de ensino "é información moi xenérica" e, di, "pouco útil". Desde a Plataforma galega en defensa do ensino público sinalan que a avaliación continua e o propio profesorado do centro son a mellor garantía para avaliar o alumnado e as necesidades do propio centro. 

"Fabrican robots qu vaian ás cadeas de produción, iso é ao que queren dirixir a educación", denuncia Lacaci

"Fabrican robots qu vaian ás cadeas de produción, iso é ao que queren dirixir a educación", denuncia Lacaci.

Calendario de mobilizacións

Esta segunda feira (25 de abril) foron convocadas novas mobilizacións por parte da plataforma para rexeitar a LOMCE e as reválidas:

    Concentracións o 4 de maio pola tarde nas seguintes vilas e cidades: 

·        Santiago (Praza Roxa ás 18:30 horas)

·        A Coruña (Obelisco ás 19 horas)

·        Lugo (diante do edificio sindical Ronda da Muralla ás 19 horas)

·        Vigo (na Farola de Urzaiz ás 19:30 horas)

·        Carballo (Praza do  Concello ás 20 horas)

·        Ferrol (Praza de Amada García ás 20 horas)

·        Pontevedra (Praza da Peregrina ás 20 horas)

·        Vilagarcía (Praza de Galiza ás 20 horas)

·        Ourense (Xardíns Padre Feixoo de Ourense ás 20 horas)

·        Cee (diante do CEIP Eugenio López ás 20 horas)

 

Concentracións o 9 de maio durante o recreo nos centros escolares
    
Concentración diante da Consellaría de Educación o 11 de maio, data na que se inician as probas
    
Aliás, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público distribuirá tamén entre as familias un modelo de escrito, dirixido ás direccións dos centros, para amosar o seu rexeitamento ás probas, pendurará faixas nos centros de ensino e aprobará através dos Claustros e Consellos escolares mocións de rexeitamento que remitirán á Consellaría de Educación.