Novo paso na desescalada: as visitas culturais e turísticas poderán ser de 20 persoas

Terrazas na Marina da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Así o contempla o Diario Oficial da Galiza (DOG) na súa edición bis desta sexta feira. Aliás, anuncia que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza avala as restricións da Xunta pola Covid-19 e evita acudir ao Supremo. O visto e prace da Xustiza terá validez até o 12 de xuño, xornada na que está previsto realizar a proba piloto da desescalada no lecer nocturno. O permiso do Superior é preciso para que as medidas teñan aplicación após decaer o estado de alarma hai varias semanas.

As restricións vinculadas á Covid-19 anunciadas pola Xunta esta semana relativas ao fechamento perimetral dos concellos de Lobios, Mos e A Pobra do Caramiñal, así como a ampliación do número de asistentes ás reunións en exteriores e interiores, entrarán en vigor na medianoite de mañá sen que haxa ningún cambio respecto ao anunciado na cuarta feira debido ao aval do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Ademais, a través da edición dupla do Diario Oficial da Galiza (DOG) de hoxe coñeceuse que haberá máis capacidade para atender á clientela nos comercios e nas actividades turísticas e culturais poderán darse visitas guiadas de até 20 persoas ao tempo (sen contar á ou ao responsábel).

Esta nova a pesar de que o coronavirus segue activo supón un cambio para a actividade quer das e dos guías turísticos, quer dalgunhas empresas de ocio, posto que poderán traballar con máis xente, o que se traducirá nun maior retorno económico. Iso sí, as 20 persoas que non convivan poderán estar xuntas en paseos polo exterior, se ben en monumentos (en interiores) o máximo será de 10 individuos.

Por outra banda, tamén os concellos nos niveis máis baixos das restricións poderán atender nas bibliotecas, museos e outras instalacións culturais ao mesmo número de visitantes, nas mesmas condicións. Isto será aplicábel na maioría de municipios galegos, pois a partir de mañá haberá limitacións só en 20 localidades.

Municipios afectados

O fechamento perimetral pola situación epidemiolóxica vai pesar sobre Lobios uns días máis, pero súmanse a esta situación con restricións na mobilidade e nula actividade na hostalaría Mos e A Pobra.

No nivel alto ficarán Viveiro, Ordes, Ponte Caldelas, Ribeira e Moraña, mentres que no chanzo medio-alto van quedar O Barco de Valdeorras, Ponteareas, Moaña, Cambados, Boiro, Bueu, Cee, Xove, Rianxo, Cervo, Monforte e Vilalba.

"Xudicialización"

Todas estas decisións tomadas coas expertas do comité clínico contan co visto e prace do TSXG, que as apoia até o 12 de xuño, cando está previsto realizar a proba piloto de reactivación do lecer nocturno. O paso dado polo alto tribunal galego, que avala as xuntanzas de seis persoas dentro dos bares e vivendas e de dez participantes en espazos exteriores e as medidas de control na hostalaría como a medición de CO2 e as ceas previa reserva en todo o sector con ese servizo, fai que a Xunta non teña a necesidade de acudir ao Tribunal Supremo.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, tíñase queixado da "xudicialización" da pandemia por ter que estar en constante conversa coa Xustiza ao decaer o estado de alarma. Se ben é certo que é o TSXG o que ten a última palabra, aínda non foi preciso recorrer ao Tribunal Supremo en caso de dúbida sobre medidas que afecten aos dereitos fundamentais da poboación.