O BOE somete a información pública o parque eólico Prada, da norueguesa Statkraft

Aeroxerador en funcionamento dun parque eólico da Galiza (Foto: Nós Diario).
A Xunta informara negativamente por atoparse o proxecto fóra das áreas de desenvolvemento previstas no Plan Eólico.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) someteu este sábado a información pública o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e a solicitude de autorización administrativa previa do parque eólico Prada, que se situaría nos termos municipais do Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras e A Veiga.

O proxecto está promovido pola empresa Desarrollos Renovables Iberia Gamma SL, filial no Estado español da multinacional norueguesa Statkraft, e constaría de 31 aeroxeradores que sumarían unha potencia instalada de 170,5 megawatts (MW).

Aliás, cada turbina tería 158 metros de diámetro de rotor e unha altura de buxe de 120,9 metros, mais, segundo reflicte o anteproxecto, "valora a posibilidade de incrementar o diámetro de rotor até 170 e a altura de buxe até 130".

Tamén estuda a opción de incrementar a potencia nominal de cada muíño a 7 MW, polo que a potencia total do parque sería de 217 MW.

A infraestrutura de evacuación e a liña de alta tensión, que desembocarían na subestación de Trives, afectaría tamén os concellos de Petín, Larouco, San Xoan de Río, A Pobra de Trives e Quiroga.

Porén, cómpre lembrar que a Xunta da Galiza xa emitira en maio un informe desfavorábel contra este e os outros dous parques que Statkraft proxecta na comarca, ao atopárense fóra das áreas de desenvolvemento eólico previstas no Plan Sectorial Eólico da Galiza.

Contra este parque eólico pódense presentar alegacións até o vindeiro 17 de agosto.