De novo, PAC sen suficiente persoal nas gardas

Imaxe dunha protesta de PACs en pé de guerra

PAC en pé de guerra denuncia que esta fin de semana puntos como o de Caldas, Marín ou A Parda (Pontevedra) estiveron cun médico menos pola mala xestión dos servizos mínimos da Xerencia.

Fin de semana nalgúns Puntos de Atención Continuada (PAC) galegos sen o persoal suficiente en quenda. Outra vez. Denúnciao PACs en pé de guerra, que atribúe esta situación, que esta fin de semana se deu en centros como o de Caldas de Reis, Marín e A Parda (Pontevedra), á mala xestión da Xerencia da área pontevedresa.

Afirma este colectivo que estes centros “víronse privados dun médico e nun deles (Caldas), tivo que asumir un só facultativo toda a garda”. Así, este sábado o PAC de Caldas de Reis estivo sobre hora e media sen equipo sanitario, pois o único presente tivo que ausentarse para trasladar un posíbel código ictus.

O domingo, continúan expoñendo na denuncia, no PAC de Marín traballouse de 10:00 a 22:00 horas cun médico de menos e até última hora da tarde non se identificou o médico para a noite”. O mesmo pasou, aseguran, no PAC da Parda.

PAC en pé de guerra afirma que esta situación deriva da mala xestión da Xerencia, “xa que na maioría dos casos as ausencias foran comunicada con tempo suficiente”.

Continúa a folga nos PAC, cuns servizos mínimos de 100%.