Un novo número do semanario Sermos Galiza acompaña hoxe o Nós Diario

O suplemento semanal Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario. Xuntos suman 64 páxinas de xornalismo en galego, 32 do xornal e 32 dun suplemento que todos os sábados acompaña o diario. 

O Sermos dedica a súa portada a unha ampla reportaxe sobre as mulleres no Sahara. Etimoloxicamente Sáhara significa "deserto". Obvio. Algunhas autoras e autores danlle a interpretación de "lúa" ou "amencer", unha clara derivación asociada aos ciclos vitais. En Hebreo é "Sarah" e significa "muller que goberna". O nome dun deserto, un dos máis inhóspitos do mundo, significa vida? Por que non? Nun lugar onde a morte está tan presente, tamén o está a vida. Loxicamente van da man, unha non existe sen a outra, e cando unha é tan extrema, a compañeira tamén. E que ten que ver a muller en todo isto? Todo. A muller como dadora de vida. A muller como motor dun mundo que sen ela non existiría. A muller como  única responsábel de que as condicións de vida sexan soportábeis.

Para Bieito Romero (A Coruña, 1964) a vida é moito máis que música. O fundador de Luar na Lubre agocha unha paixón pola etnografía que transcende de longo o eido musical e que vén de plasmar no libro Simboloxía máxica en Galicia, editado por Baía Edicións. Trátase dunha recompilación froito do interese, a observación, a inquedanza e a curiosidade dun incansábel buscador de tesouros simbólicos presentes entre nós desde tempo inmemorial en forma de trísceles, tetrásceles, espirais, rosetas, cruces ou entrenzados que conforman un patrimonio único. De todo iso, e máis falamos neste número.

‘Poesía e rural’. Nos últimos tempos, moitas son as propostas poéticas que poñen a reflexión sobre o rural no foco e axudan a visibilizar estes espazos que perden poboación e servizos básicos.  A través da análise de ‘Nomes de fume’, de Míriam Ferradáns, ‘As casas’, de Carlos Lixó, ‘Feliz Idade’, de Olga Novo e ‘Da casa, do mar e das ausencias’, de María Carmen Caramés Gorgal, indagaremos no tratamento do rural na poesía galega e nas súas reivindicacións.

Todo isto e máis,xa neste número, que podes adquirir xa nos quioscos ou ben para ler na nube.