Un novo número do semanario Sermos Galiza acompaña hoxe o Nós Diario

Percorrido polas especies en perigo de extinción na Galiza, falamos das mil fontes do libro galego... todo isto e máis xa, neste número

O suplemento semanal Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario. Xuntos suman 64 páxinas de xornalismo en galego, 32 do xornal e 32 dun suplemento que todos os sábados acompaña o diario. 

O Sermos dedica a súa portada a unha ampla reportaxe sobre a biodiversidade galega ameazada. Moitas especies que hoxe existen, mañá poderían non facelo. A perda da biodiversidade é outra das grandes amezas que en materia ecolóxica afronta o planeta, con especial impacto a nivel local. As causas da diminución das poboacións son case sempre a acción humana, a través de diferentes manifestacións, especialmente co incremento da temperatura global. Ofrecemos un repaso dalgunhas destas especies en perigo de extinción na Galiza, que,   de seguirmos a tendencia actual, poderían converterse axiña en pouco máis que carne de lembranza.

A Asociación Galega de Editoras (AGE) leva desde 1983 loitando pola defensa dos intereses do sector do libro galego, que hoxe se atopa nunha encrucillada logo da importante reestruturación vivida na última década. Nós Diario abre as portas da súa redacción aos representantes escollidos por AGE para protagonizar a primeira entrega das ‘Conversas entre Nós’, sección na que se analizará a poliédrica realidade da sociedade galega por boca dos seus protagonistas. Nesta ocasión, Xosé Ballesteros (presidente de AGE), Xoán Costa (Nós Diario), Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora) e Fran Alonso (Xerais).

Todo isto e máis,xa neste número, que podes adquirir xa nos quioscos ou ben para ler na nube.