Un novo número do semanario Sermos Galiza acompaña hoxe o Nós Diario

Percorrido polas estacións de tren abandonadas na Galiza coa chegada da Alta velocidade, entrevista á poeta Alba Cid, ecodesafíos...todo isto e máis, neste número.

O suplemento semanal Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario. Xuntos suman 64 páxinas de xornalismo en galego, 32 do xornal e 32 dun suplemento que todos os sábados acompaña o diario. 

O Sermos dedica a súa portada a unha amplia reportaxe sobre estacións de tren que quedaron abandonadas coa chegada da alta velocidade. Nelas tamén se artellou a vida deses lugares. As mozas da Pontraga (Parada-Ordes) ían esperar os mozos no tren das sete para ir ás foliadas; a musicóloga Dorothé Schubarth chegou ao apeadoiro da Vila da Igrexa (Cerceda) para gravar dúas informantes do Cancioneiro Popular Galego; as veciñas de Bregua (Culleredo) subían todos os días para ir vender fieitos á Coruña. Estas historias puideron non existir. O tramo foi dos últimos en ser construídos na Galiza e o seu trazado estivo en disputa.

Entrevistamos tamén Alba Cid (Ourense, 1989), que vén de publicar o seu primeiro poemario, Atlas (Galaxia, 2019), unha cartografía que reúne a voz poética da autora durante os últimos cinco anos.

E tratamos os ‘ecodesafíos’. 2019 foi un ano marcado pola presenza inexorábel da crise climática, materializada nas protestas dos Venres polo futuro ou o Movemento Galego polo Clima. A emerxencia mantense en 2020, coa evidencia da transición ecolóxica como un dos principais desafíos que verá este século. Inauguramos década cunha previsión, da man das tres principais asociacións ecoloxistas con actividade na Galiza (Adega, Verdegaia e Greenpeace), dos puntos que van marcar a axenda en materia ambiental, conectados no fráxil equilibrio dun ecosistema do que, non o esquezamos, formamos parte.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.