Sabela Ramil ilumina a capa do novo número de 'Xeración Alfa'

O novo número de 'Xeración Alfa' chegará aos quiosques o vindeiro 25 de novembro. (Foto: Nós Diario)

A revista publicarase a vindeira terza feira, 25 de novembro, xunto ao Nós Diario e sen custo adicional. Non a perdas!

A vindeira terza feira, 25 de novembro, volve aos quiosques de toda Galiza e ás casas das persoas subscritoras de Nós Diario, sen custo adicional sobre o prezo habitual, o noveno número de Xeración Alfa, a revista da mocidade galega —e a única editada na lingua propia do país—, promovida por Sermos Galiza S.A.

Nesta ocasión, a capa está protagonizada pola cantante Sabela Ramil, quen conversa con Ana Loureiro sobre Bríllanche os olliños, o seu novo EP co que consolida a súa identidade artística tras a súa etapa en Operación Triunfo. Un regreso luminoso aos escenarios que abre con forza a publicación.

A sección A Fondo, tamén da man de Loureiro, mergúllase no 25-N cunha reportaxe que recolle o clamor das rúas cada 25 de novembro e a memoria das que faltan. Unha análise que amosa como a violencia machista segue mutando e adoptando novas formas, ao tempo que entre a mocidade, tanto nas aulas como na rúa, medran o pensamento crítico, a escoita e a esperanza dun futuro máis igualitario.

O corazón deste número ocupa as páxinas centrais, dedicadas á nova revolución da regueifa. O alumnado do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces conta como improvisar a vida en verso se converteu nun movemento sociocultural fresco, divertido e profundamente identitario. Entre pandeiretas, rimas afiadas, bases electrónicas, humor e rebeldía, a Nova Regueifa toma a palabra para celebrar e transformar o mundo.

Na sección de moda, Rafa Ruíz-Matas preséntanos a cara máis rompedora dunha industria galega que nunca tivo medo a innovar. Conversa con Jonathan Pena e Andy García de Ceibe e coa docente Mónica Fernández da EASD Mestre Mateo para mostrar como deseñadoras e creadores apostan hoxe por un estilo máis urbano, desenfadado e arriscado, sen perder o vínculo co territorio e co carácter propio da moda galega.

A poesía tamén cobra protagonismo neste número. Silvia Penas, Lucía Aldao, Samuel Merino e Nuri Vilán protagonizan un percorrido polo poder da palabra dita en alto. Ruíz-Matas escribe sobre como os escenarios se converten nun laboratorio para poetas que procuran, ben a introspección, ben o diálogo directo co público. Diversidade de voces, maneiras e enerxías para demostrar que a poesía galega vive un momento escénico vibrante.

O Saber Infinito viaxa desta volta polos muros do país. Fachadas industriais, rúas históricas e aldeas rurais acollen un muralismo en constante expansión. Pioneiras, avoas con superpoderes, proxectos premiados no mundo enteiro e festivais que apostan polas creadoras: este número de Alfa traza un mapa visual da Galiza que se debuxa a si mesma a través da arte urbana.

Nesta entrega, o cineasta Bruno Arias recomenda libros, filmes, series e discos perfectos para o tempo de lecer, e o equipo de Alfa ofrece unha escolla coas citas culturais imprescindíbeis dos próximos días para a mocidade galega. Para fechar, os tradicionais pasatempos de Xoán Costa chegan unha vez máis na sección XLXK-Por Lóxica, dispostos a desafiar curiosidades e enxeño.

Non perdas o novo número de Xeración Alfa, a revista da mocidade galega, e lembra que o atoparás xunto co xornal Nós Diario a vindeira terza feira, 25 de novembro!