Medio Rural dá por controlado o incendio de Monfero que afectou as Fragas do Eume

Un hidroavión realizando labores de extinción en Boiro a pasada semana. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A superficie queimada é dunha hectárea.

*Información actualizada ás 14.15 horas

A Consellaría do Medio Rural informou da declaración dun incendio forestal en Monfero, na parroquia de Queixeiro, que afecta o parque natural das Fragas do Eume contra as 11.20 horas desta terza feira.

Con todo, pasadas dúas horas os medios de extinción lograron controlar este fogo, que queimou perto dunha hectárea.

Non é o primeiro incendio forestal que afecta este verán un espazo protexido, pois en xullo arderon centos de hectáreas dentro do parque natural do Invernadeiro.

Aliás, nas últimas horas arderon perto de 0,1 hectáreas de monte dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no incendio, xa extinguido, declarado en Calvos de Randín.

Incendios estabilizados e controlados

Por outra parte, permanece estabilizado desde as 12.28 horas desta segunda feira, o incendio da parroquia de Cures, en Boiro, que afectou tamén aos concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira. Este lume é o de maior superficie calcinada no mes de agosto na Galiza, con 2.200 hectáreas.

Mentres, o de Verín continúa controlado desde as 11.51 horas desta segunda feira. Neste incendio, que segundo a Xunta se iniciou en máis de dez focos diferentes, arderon unhas 600 hectáreas.

Tamén permanece controlado desde as 12.05 horas da segunda o lume iniciado na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, cunha superficie afectada dunhas 380 hectáreas.

En total, os incendios forestais que se produciron na última semana no país calcinaron unhas 4.500 hectáreas.