Un novo estudo da Confraría de Noia alerta: o proxecto de verteduras de San Finx non garante que non se contamine a ría

Minas de San Finx Lousame
O Pósito solicitou unha medida cautelar urxente para impedir o inicio das verteduras.

A Confraría de Noia entregou á Xunta un novo informe técnico sobre o proxecto de veredura da mina de San Finx, en Lousame, realizado polo experto internacional Steven H. Emerman, a raíz da autorización outorgada polo Goberno a principios de febreiro.

Doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, Emerman é un dos máis prestixiosos hidrólogos especialistas en residuos mineiros e xa elaborara, a petición da Cofradía, o informe inicial sobre o proxecto de vertedura.

O informe, remitido á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, “evidencia o absoluto fracaso da proba piloto na que se basea a planta de tratamento de augas de mina aprobada, que non conseguiu controlar os niveis de cinc e que resultou en concentracións de cadmio e cobra disparados, moi por encima dos valores máximos permitodos para estes metais pesados tóxicos”.

O informe tamén alerta das “deficiencias no estudo dos niveis de contaminantes existentes na mina e conclúe que o proxecto non presenta os rangos das concentracións esperadas de contaminantes”.

A Confraría fai un chamamento “á cordura da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para que paralice a executividade da autorización”, o que solicitou a Confraría como medida cautelar urxente nada máis ter coñecemento da autorización.

Agora, sinalan, é a conselleira a “que debe resolver o recurso e solicitude de medidas cautelares, aínda que tanto a Confraría como outras entidades e o propio Concello de Noia xa anunciaron que levarán a Xunta aos tribunais se non se recoñecede a ilegalidade da autorización”.

“Modo de actuar absurdo”

Desde o pósito noiés destacan ademais que o modo de actuar da Administración neste caso “é absurdo, pois esta cuarta feira o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, recoñeceu no Parlamento que non é posíbel explotar a mina sen tramitar antes un novo proxecto mineiro que debe someterse a avaliación de impacto ambiental”.

“Como se pode permitir o baleirado de millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con metais pesados cando a mina non conta cos permisos necesarios para funcionar?”, pregúntase o patrón maior da Confraría de Noia, Santiago Cruz.

“O lóxico sería, en todo caso, que a autorización de verteduras se concedese só despois de que existise un proxecto mineiro con declaración de impacto ambiental favorábel, o que hoxe por hoxe non existe”, engadiu.

 A Confraría confía en que a resolución sexa tombada “antes ou despois” e alerta que intensificarán tanto as mobilizacións na rúa como as accións xudiciais, “por unha situación que pon en risco millares de postos de emprego na comarca”.