O novo currículo de Primaria impulsa a inclusión e o traballo competencial

Centros educativos e persoal docente gozarán de maior liberdade á hora de definir a metodoloxía nas aulas (Foto: Nós Diario).
A norma entrará en vigor o próximo curso, mais falta coñecer o decreto galego que concretará os cambios que se producirán nas aulas.

Menos contidos máis competencias. O Boletín Oficial do Estado publicou esta cuarta feira o Real Decreto polo que se estabelecen a ordenación e as ensinanzas mínimas na Educación Primaria. O texto, aprobado a pasada terza polo Consello de Ministras e Ministros, reforma o currículo educativo do alumnado de entre 6 e 12 anos; o que se ensina e como se ensina nas aulas.

A partir do vindeiro curso cambia para outorgarlle máis importancia aos procedementos e habilidades que aos coñecementos concretos que poidan adquirir as crianzas nos tres ciclos, de dous cursos cada un, nos que se divide esta etapa educativa. Así, as mudanzas acordadas comezarán a implantarse en primeiro, terceiro e quinto do curso 2022-23. 

O novo currículo réstalle presenza á Relixión -que non contará con materia espello nin tampouco para a nota media do alumnado- e concédelle máis horas á Educación Artística, ao Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural e ás Matemáticas; tres áreas que estarán presentes en todos os cursos canda a Lingua e Literatura castelá, Lingua e Literatura galega, no caso da Galiza, Lingua estranxeira e Educación Física. En conxunto, a normativa fixa entre o 50% e o 60% dos contidos, que terán que ser completados polos territorios, unha porcentaxe inferior á prevista noutros decretos que busca ofrecer maior autonomía tanto aos centros educativos como ao persoal docente á hora de axustar as súas ensinanzas á propia realidade e proxecto educativo.

O currículo de Primaria inclúe, ademais, a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos nun dos dous cursos do terceiro ciclo, quinto ou sexto, con alumnado de entre 10 e 12 anos, co obxectivo de afondar no coñecemento dun mesmo e do marco de convivencia, desenvolver a autonomía persoal, fomentar unha forma de vida sostíbel e avanzar na xestión emocional.

Competencias básicas

A normativa identifica oito competencias chave a promover nesta etapa educativas: competencia en comunicación lingüística, competencia plurilingüe, competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñería; competencia dixital, competencia persoal, social e de aprender a aprender; competencia cidadá; competencia emprendedora, e competencia en conciencia e expresión culturais.

Ademais, marca outra serie de obxectivos no ensino básico, entre os que se atopan a adquisición de hábitos de traballo individual e en equipo, de esforzo  e responsabilidade no estudo, de habilidades para a resolución pacífica de conflitos e a prevención da violencia.

A perspectiva de xénero e o fomento da igualdade será transversal e planará sobre o conxunto de ensinanzas que se impartan nas aulas, así como a inclusión e o respecto á diversidade.

Avaliación e perfil de saída

O currículo de Primaria promove unha avaliación "continua e global" da que desaparecen as notas numéricas e a repetición pasa a ser "excepcional" só ao final de cada ciclo. Ademais, introduce o "perfil de saída" do alumnado, no que se concretan os principios e os fins do sistema educativo, mais recoñecendo cada estudante como "axente da súa propia aprendizaxe", procurando dunha detección e atención precoz ás diferenzas individuais.

Saber, saber facer e atención á diversidade

"Hai un cambio de nomenclatura importante que busca incidir na aprendizaxe a través da adquisición de competencias específicas e non de contidos, que agora se denominan saberes básicos", comenta unha docente a Nós Diario. Neste sentido, di,  "desaparecen os estándares cun nivel de concreción tan exacto como que tiñan na lexislación anterior e mantéñense só os criterios de avaliación". 

Con todo, advirte, "o gran cambio está na atención á diversidade, en que todas as persoas teñen que estar presentes dentro do sistema educativo, que debe ser o que se adapte a elas, non ao contrario". O sistema non pode ser unha dificultade para que o alumnado avance na mellora das súas competencias, di, polo que o recoñecemento explícito na norma da repetición como medida "excepcional", ben xustificada, reforza o uso de todos os mecanismos previos para o progreso das crianzas.