Braulio Amaro: "Non podo esperar a que chegue o verán para empezar o tratamento"

Braulio Amaro, profesor xubilado, activista social e paciente oncolóxico.
Braulio Amaro é profesor xubilado e activista social. Vai para oito meses que foi diagnosticado de cancro de próstata e desde entón, despois de cinco reclamacións, segue á espera de tratamento. Ben fisicamente, pero cunha carga emocional máis pesada ante as demoras dun sistema sanitario que acusa as políticas do PP, di. 

—Por que decidiu dar a coñecer a súa historia e a facer unha denuncia pública do seu caso?

O motivo fundamental polo que me animei foi para dar a coñecer unha realidade, que no meu caso é bastante aguda, xa que ninguén acaba de crer que puidese pasar tanto tempo desde que me diagnosticaron un tumor de próstata e que siga sen atender, pendente de iniciar un tratamento. E relacionada coa miña situación, a doutras doentes con outras patoloxías que están á espera de ser atendidas, unha consecuencia directa das políticas sanitarias e económicas do Partido Popular. 

—Cal foi o seu periplo ao longo dos últimos meses?

Hai un ano tiven un problema renal. Estiven nove días ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e afortunadamente saíu todo moi ben, mais no informe final detectan un índice elevado de actividade tumoral, a través dunha proba que denominan PSA (Antíxeno Prostático Específico). Nese momento o equipo que me atende recomenda que acuda a Uroloxía. No verán inicio esas consultas e prográmanme unha serie de analíticas para confirmar que se trata ou non dun tumor. Finalmente foi a mediados do mes de outubro cando me confirmaron, despois dunha biopsia, que hai un tumor pequeno na próstata que convén que tratar canto antes. 

Os servizos sanitario non dispoñen de recursos humanos suficientes, persoal cualificado para coidar das pacientes, algo que hai que prever e planificar con tempo e a longo prazo.

E aí é cando empeza toda a odisea, porque, segundo o protocolo estabelecido, unha vez detectado o tumor cómpre facer unha resonancia magnética, unha gammagrafía, que se demoraron moitísimo no tempo. De feito, desde finais de ano, presentei até cinco reclamacións co fin de axilizar os procedementos. Coas tres primeiras foron bastante eficientes, e no prazo de dous ou tres días lograron ofrecerme unha solución até que finalicei todas as probas que tiña  que realizar. Da cuarta que presentei, o 31 de maio, sigo sen ter noticia do Sergas, o que me levou tamén a presentar e rexistrar telematicamente unha queixa diante da Valedora do Pobo, cousa que veño de facer agora mesmo (na mañá desta segunda feira, 8 de xuño).

—A que se debe a demora deste último período?

Após confirmar a presenza do tumor, a uróloga descartou a cirurxía e indicoume que debía iniciar un tratamento de radioterapia no Hospital Meixoeiro de Vigo. Despois de varias probas, dos tempos habituais de espera no Sergas, froito do desmantelamento programado da sanidade pública, e ás portas xa de iniciar o tratamento, identificaron, ademais, unhas afeccións metastásicas na cabeza do fémur e nunhas vértebras, o que levou ao equipo médico a reconsiderar a radioterapia. O 13 de marzo informáronme de que finalmente desaconsellaban o tratamento, así que volta a empezar. Volvo iniciar as consultas, volven estudar que posibilidades pode haber e deciden consultalo co oncólogo xeral do Álvaro Cunqueiro. 

A finais de mes reclamei telefonicamente para ver que pasa co tratamento, porque non volvín saber máis do Sergas.

Xa estamos en abril. Até entón e aínda hoxe, o único que recibín foi un tratamento hormonal, paliativo, para conter o crecemento do cancro e que non se estenda. Xa levei dunhas inxeccións e no mes de xullo teño programada a terceira, xa que se trata dun tratamento semestral. Efectivamente, despois dunha analítica, naquel momento comprobaron que baixara moito, así que despois de volver consultar o meu caso cos servizos de Oncoloxía e de Radioterapia do Cunqueiro e do Meixoeiro acordaron retomar o tratamento que propuxeran ao inicio. Xa estamos a 18 de maio, que foi cando me realizaron un novo TAC de simulación previo ao tratamento.

—Aínda non o chamaron para confirmarlle que día pode empezar a recibilo?

A finais de mes reclamei telefonicamente para ver que pasa co tratamento, porque non volvín saber máis e dixéronme que están estudando as doses e as veces que me teñen que dar e que xa me chamarán cando poidan, nunca antes do 16 de xuño, estiman, o que xa nos mete no verán, o que complica aínda máis o tema co feche habitual de camas e a redución habitual dos servizos, o cal sería moi grave. De feito, foi outro dos motivos que me animou a facer esta denuncia pública, porque non podo esperar a que chegue o verán para empezar o tratamento.

—Despois da súa experiencia como doente oncolóxico que eivas observa na xestión da sanidade pública?

De entrada, creo que o Sergas minte descaradamente no informe sobre as listas de espera que difunde cada seis meses. Contan as agardas como lles dá a gana. Preocupeime de miralo e non ten nada que ver coa realidade. Pero o que me sublevou de veras foi escoitar o xerente da área sanitaria de Vigo dicir que durante a pandemia se atendeu cen por cento os enfermos de cancro.

A conclusión á que chego despois deste tempo é que os servizos non dispoñen de recursos humanos suficientes, persoal cualificado para coidar das pacientes, algo que hai que prever e planificar con tempo e a longo prazo, porque un oncólogo ou un radiólogo non se fai dun día para outro. As persoas vanse seguir poñendo enfermas e as profesionais van ter que marchar de vacacións pero se ti non planificas globalmente este escenario, tendo en conta outros parámetros, pasa isto, que é o que está facendo o PP: desmantelar, desmantelar, desmantelar.

As profesionais que me trataron foron sempre claras e precisas, pero o sistema de citas e de atención non depende delas. Como din agora, as citas están externalizadas, en mans dunha empresa privada, e iso non creo que contribúa a unha a xestión eficiente que redunde na calidade asistencial.