Novo "atentado" contra o patrimonio compostelán: un home escala polas esculturas da Porta Santa

Home escalando a fachada da Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela, este domingo 2 de xullo. (Foto: Apatrigal)

A alcaldesa fala de "feitos puntuais", pero avanza medidas para que os e as turistas "respecten tanto o patrimonio como a poboación da cidade"

Após a aparición de novas pintadas con xiz no centro histórico de Compostela e a detección de condutas incívicas por parte dalgúns visitantes, como un picnic na Praza do Obradoiro ou tendas de campaña en Belvís, este domingo na Praza da Quintana púidose ver un home escalando polas esculturas da Porta Santa da catedral.

Esta segunda feira, en rolda de prensa tras manter un encontro co arcebispo de Santiago, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou que mantivo unha reunión co xefe da Policía e co concelleiro de Convivencia Cidadá, Xan Duro, na que, entre outros temas, falaron de que se incremente o reforzo e a presenza policial para tratar de "disuadir" comportamentos deste tipo.

Con todo, Sanmartín, que sinalou estes feitos como "puntuais", explicou que van tentar pór en marcha outras cuestións relacionadas con que a xente que veña a Santiago "teña coñecemento" de que é unha cidade Patrimonio e que deben respectar tanto o patrimonio como a poboación da cidade.

"Entendemos que un episodio como este son episodios ocasionais, pero en todo caso tratarémolos. Son feitos illados. Non só os lamentamos, se non que rexeitamos de maneira contundente", expresou a alcaldesa.

Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, quixo pór en valor o "respecto maioritario" dos que se achegan a Santiago e tamén cualificou estes casos de "rechamantes", pero "excepcionais".

Así mesmo, pediu respecto e recoñeceu que se trata de "un atentado contra o patrimonio". "Hai que facer un gran labor pedagóxico no que temos que respectar os espazos. A historia fóinolo entregando e temos a responsabilidade de coidar tamén ese patrimonio", manifestou.