Novo ano de "incertezas" para o ensino

O ano estivo marcado polo confinamento no pasado curso e polos cambios de protocolo no inicio deste. (Foto: Europa Press)
Os sindicatos educativos adiantan as súas peticións para 2021

O ano comezará nos centros de ensino galegos coa incerteza que xera aínda a situación sanitaria e cunha nova lei educativa, a Lomloe, publicada onte no BOE, que deberá desenvolverse ao longo do curso. É o marco que debuxan os sindicatos docentes, que albiscan en 2021 frontes múltiples nas que mellorar as condicións do ensino e do colectivo profesional.

"É certo que a nova lei contén aspectos positivos, e a incerteza vén en saber se os pasos  que ten que dar o Goberno galego para desenvolvela van supor melloras ou non", analiza, desde CIG-Ensino, o seu secretario xeral, Suso Bermello, quen cita cuestións como a nova fórmula de elección dos equipos directivos dos centros, máis participada polo profesorado e colectivos non docentes, como un dos avances. Outras, como a redución xeneralizada de ratios, que defende esta organización pero que na reforma lexislativa só se contempla para zonas socialmente vulnerábeis e para aulas con alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, quedan, para a CIG, na lista de débedas, onde queda tamén a solución para o profesorado técnico de FP sen titulación que a nova lei deixa no limbo, coa extinción deste corpo técnico e a súa integración no de profesorado de Secundaria.

"Así como o Goberno foi moi serio na implantación da Lomce –a anterior lei, aprobada polo PP–, esperemos que esa mesma seriedade se aplique coa Lomloe, e sen artimañas para eludila por parte do Goberno galego, porque a lectura que fai a poboación é que se unha maneira non che gusta, buscas como non cumprila", censura, en relación co adianto da matrícula para o curso que vén perpetrado desde a Xunta, a secretaria xeral de Ensino de CCOO, Luz López, quen salienta do novo ano que "sirva para retirar os artigos máis maliciosos da lei anterior".

Na mesma liña, o secretario de organización de FeSP-UXT Galiza, Felipe Balboa, celebra a volta ao marco lexislativo previo, para o que agarda que o Executivo galego "deixe de facer oposición ao estatal". "Cuestións como o adianto do prazo de matrícula parécennos estériles, e o que pon en evidencia é a 'pataleta' do Goberno galego", considera, saudando, pola contra, a derrogación de aspectos "tan lesivos" como os concertos con centros que segregan o alumnado por sexo ou a posibilidade de cesión de solo público para negocios educativos privados, nun modelo que na sanidade –advirte– xa ten exemplos na Galiza.

Xunto con melloras como un estatuto docente "para a dignificación do profesorado" ou a o acceso a función docente, o responsábel de FeSP-UXT pide, para este 2021, "unha volta á normalidade, porque os centros sufriron moito neste ano, coa sobrecarga de traballo, as tensións e o feito de ter que pasar seis horas diarias en grupos con 25 persoas", en plena pandemia.

Nese sentido, desde CCOO, López quere fechar o ano felicitando o profesorado, o persoal e os alumnos e alumnas, pola adaptación ás necesidades da situación sanitaria para a que non había precedente, e polo traballo ben feito en non tan boas condicións". Á Consellaría advírtelle que, case un ano despois, "a improvisación xa non é admisíbel", tampouco de cara aos procesos selectivos previstos, que "deben ser planificados", subliña.

Desde a CIG, Bermello apunta tamén unha cuestión presente para todas as organizacións, as reivindicacións laborais aparcadas pola pandemia: "É obvio que este curso non era o momento, mais haberá que retomalas".