Nove meses de prisión para o home que ameazou ao ex alcalde da Coruña por Twitter

O ex alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. (Foto: Europa Press)
O condenado asegurou na rede social que ía "meterlle un tiro no occipital" a Xulio Ferreiro cando era rexedor coa Marea Atlántica.

O home que tiña ameazado ao ex alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, con pegarlle “un tiro no occipital” en Twitter, de iniciais M.F.C.B., vén de ser condenado polo xulgado do Penal número 3 da Coruña a nove meses de prisión.

O auto, que ten data do 22 de decembro pero foi feito público hoxe por Europa Press, amosa como a maxistrada impútalle un “delito de ameazas”, ao que corresponderían os nove meses na cadea, así como unha indemnización de 2.000 euros ao anterior alcalde.

O suceso decorreu cando Ferreiro aínda era rexedor coa Marea Atlántica e colgou na plataforma a seguinte mensaxe acompañada dunha imaxe do ex político: “Quizais o golpe definitivo sería meterlle a Xulioferreiro@mareatlantica un tiro no occipital... Así se acabarían os problemas na Coruña. Fartos desta Gentuza”.

Porén, o usuario non se limitou nas súas declaracións na rede. Xunto a unha ligazón a unha nova sobre o atentado a Carrero Blanco indicou que “a solución para A Coruña sería a mesma que para Xulio Ferreiroque para Carrero Blanco subir aos ceos”.

“É triste desexar que a un político lle trepanen o occipital cun 7.95 pero é o que procuran”, engadiu no mesmo fío. Despois de sufrir esas ameazas e ter coñecido a sentenza, Ferreiro estivo a favor da decisión xudicial. No entanto, aínda é posíbel que o xa declarado culpábel presente un recurso de apelación.

“Cando un asume un compromiso público sabe que vai ter que pasar por cousas, digamos, desagradables”, indicou o tamén profesor Xulio Ferreiro.

Mais, ao seu parecer, “debe haber límites e está ben que así se recoñeza”. “Non me alegro de que ninguén ingrese na prisión pero si de que se saiba que non todo vale”, resumiu.