Novas experiencias de coidado fomentan un rural máis activo

Biocoidados estenderase até 2024 para alertar a autonomía social e persoal da xente do rural. (Foto: Nós Diario)
Novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, en contornas rurais. Así se presenta o programa Biocoidados, un proxecto experimental co que están a traballar desde xaneiro no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, na comarca da Limia. Unha iniciativa na que participan perto de 60 persoas á procura de maior autonomía e coidados na súa propia casa.

Biocoidados está financiado con fondos Next Generation. É parte do Plan de recuperación, Transformación e Resiliencia da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais e está a ser executado pola Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural, Coceder. En todo o Estado son 18, dous deles galegos, o CDR Portas Abertas, con sedes en Verín e Vilardevós e o CDR O Viso, con presenza en Lodoselo (Sarreaus) e Xinzo de Limia.

Javier Diz é o coordinador do programa Biocoidados nesta comarca. Desde primeiros de ano o CDR O Viso chegou a 55 persoas das máis de 60 que se beneficiarán desta iniciativa dirixida a maiores de 65 anos, crianzas, mozos e mozas en risco de exclusión, persoas sen fogar, con patoloxías ou diversidade funcional. "Nós traballamos fundamentalmente con persoas maiores, que atenden os tres piares esenciais do programa: desenvolvemento no rural, prevención da institucionalización e promoción da desinstitucionalización". 

Atención integral 

Segundo explica Diz, a posta en marcha de Biocoidados parte dunha proposta metodolóxica "moi ben pensada" que sortea os métodos convencionais. O percorrido deste programa comezou coa recollida de información "cualitativa" de cada persoa, xa que o que busca é atender as súas necesidades e desexos de forma individualizada.

Promovemos que cada persoa faga unha valoración da súa propia vida, do que lles fai falta co fin de incrementar a autonomía e benestar das persoas beneficiarias no seu contorno

"Entrevistamos unha por unha cada persoa para coñecer a súa historia de vida e iniciar un labor de acompañamento e orientación que favoreza unha atención integral", centrada na súa propia experiencia e nas súas arelas.

Autocoñecemento

Biocoidados busca axudar, asesorar ou apoiar as persoas para que desenvolvan o proxecto de vida que precisan ou que lles gustaría para poder ficar na súa casa, no rural. "A proposta é moi aberta, de feito animamos a xente a que pense de forma creativa algo que lles viría ben".

Non todas dan á primeira con aquilo que queren ou necesitan, pero ese proceso de reflexión é parte do cambio e contribúe a que cada quen "se vaia pondo en contacto consigo mesmo". Asegura Diz que non é unha proposta moi doada na medida en que non responde ao auxilio habitual que se presta cando se acode a algún servizo. "Nós non somos un Servizo de Axuda no Fogar, tampouco facemos unha valoración, pero promovemos que cada persoa faga unha valoración da súa propia vida, do que lles fai falta co fin de incrementar a autonomía e benestar das persoas beneficiarias no seu contorno". 

Estamos a organizar a posta en marcha dalgúns servizos como o de acompañamento, de atención 24 horas para quen ten lonxe a familia ou de convivencia

O obxectivo de Biocoidados é "argallar" solucións innovadoras capaces de fomentar o desenvolvemento rural, un territorio activo. Faino a través da figura do asistente persoal, co apoio de dous equipos de intervención: un primario, con formación en pedagoxía, psicoloxía, traballo e educación social, e outro secundario, con especialistas en sanidade, nutrición, animación sociocultural ou formación, que seguirá a crecer en función das demandas e do orzamento dispoñíbel.

Desenvolvemento persoal, na cerna do plan de vida  da xente do rural

Biocoidados está a pór en marcha novas formas de coidado, flexibles e a demanda de quen mellor coñece as súas necesidade e devezos. "Hai quen quere ir ver os netos a Suíza ou a Catalunya. Non se trata de pagarlle a viaxe pero si de ofrecerlle asesoramento e axuda coa xestión de todo canto precisa para poder ir aló". É o caso de quen ten unha persoa dependente ao seu cargo e necesita saber que estará ben atendida na súa ausencia. Biocoidados faino posíbel, ao igual que busca a forma de garantir dúas horas de ocio diarias a quen quere recuperar actividades ás que tivo que renunciar no seu momento, a quen quere aprender a tocar a guitarra, a mellorar o seu plan de alimentación ou a xestionar a súa diabetes.

"Tamén estamos a organizar a posta en marcha dalgúns servizos como o de acompañamento, de atención 24 horas para quen ten lonxe a familia ou de convivencia", este último con vistas a compartir casa e fuxir da institucionalización. Son frecuentes os acompañamentos puntuais ao médico, á compra ou simplemente para charlar. "Un día a semana tomamos café cunha muller de Lodoselo. Préstalle tanto esa compañía que o ánimo xa lle dá para atender outras facetas da súa vida", comenta Javier Diz, quen de aquí a 2024 non descarta intervencións máis ambiciosas, mesmo arquitectónicas, para acomodar as casas ás necesidades das persoas.