Nova suba de contaxios na Galiza: 441 en 24 horas

Punto Covid-Auto do Sergas (Imaxe: Europa Press)

Os casos activos avanzan cara aos 5.500. Hai 294 hospitalizados pola Covid, 38 deles na UCI.

Galiza rexistrou 441 novos contaxios en 24 horas, un aumento importante e que amosa como a Covid continúa a se estender. Son xa, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, 5.457 casos activos os que hai rexistrados na Galiza, 240 máis que na xornada de onte.

Hai 294 persoas hospitalizadas polo coronavirus. Delas, 38 están en unidade de coidados intensivos (UCI). A cifra de falecidos e falecidas sitúase en 836.

As áreas sanitarias de Santiago e Vigo experimentan importantes aumentos, con 83 novos positivos máis cada unha, que sitúan o seu total de casos en 851 e 900.

Pola súa banda, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectáronse 66 novos positivos, que elevan o total a 538. Por detrás sitúase a área da Coruña, con 56 novos casos, até os 905; a de Lugo, con 40 novos, até os 518; e, en último lugar, a de Ferrol, con 19 positivos, até os 251.

Deste modo, segundo os datos actualizados este mércores, os casos activos aumentaron en todas as áreas sanitarias.

Falecidos

Até a data faleceron na Galiza 836 persoas con Covid-19, con cinco últimos falecementos notificados na tarde de onte, un deles vinculado a unha residencia de anciáns.

En concreto, informouse da morte de mulleres de 73 e 78 anos que se atopaban ingresadas no Complexo Hospitalario de Santiago e no Complexo Hospitalario da Coruña; así como de dous homes de 84 e 83 anos ingresados no Hospital de Verín e no Complexo Hospitalario de Vigo.

Ademais, faleceu unha muller de 91 anos na residencia Vos Gozos de Pereiro de Aguiar . Todas as vítimas tiñan patoloxías previas.