A "nova normalidade" xa causou 75 vítimas no país, moitas delas usuarias dos xeriátricos

Traballos de limpeza na residencia de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Desde que a pandemia se deixou notar na Galiza faleceron preto de 700 persoas. Desde principios do mes de agosto, o número de vítimas chegou ás 75. Unha das últimas foi un usuario da residencia DomusVi de Outeiro de Rei. Os cadros de persoal tamén están a correr riscos e hai 89 positivos. No centro de atención á discapacidade Ricardo Baro, en Oleiros, volven aumentar aos casos activos.

Unha das últimas vítimas que se cobrou a Covid-19 no país era un usuario da residencia de Outeiro de Rei, a que neste momento ten máis residentes coa enfermidade activa. Con estes pasamentos, o número total de mortos abeira os 700 (694), gran parte dos cales se produciron en xeriátricos ou a persoas vencelladas a eles.

Desde que se estrenou a "nova normalidade" na nazón faleceron 75 persoas, gran parte deles novamente usuarios de centros como o do Incio, a DomusVi de Outeiro de Rei ou a Orpea, en Culleredo.

Non é de estranar que un dos núcleos da poboación máis perxudicado sexa o da xente maior, e menos aínda atendendo ás denuncias que foron chegando nas últimas semanas sobre as condicións de vida nos centros residenciais. Á marxe das denuncias, a Consellaría de Política Social vén de dar un novo parte sobre a situación de casos activos nestas infraestructuras.

Actualmente son positivas polo virus 138 usuarias e usuarios da DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei; 58 do Incio e 26 de Orpea Coruña, en Culleredo. Ademais, seguen coa enfermidade 5 residentes na DomusVi Lalín, un no centro de Arteixo e outro no Castro Ribeiras do Lea. En total, hai 229 afectadas e afectados porque se retirou do cómputo un usuario do Incio por curación e outros por falecemento.

Risco para os cadros de persoal

No caso das e dos traballadores, nas últimas 24 horas recibiu a alta un operario de Lalín. Porén, hai novos positivos noutras instalacións. Hai unha operaria ou operario afectado en cada un dos seguintes centros: Ballesol (Oleiros), Volta do Castro (Compostela), Porta do Camiño (Compostela) e San Simón (Teo).

Polo tanto, a última hora da noite desta segunda feira había 89 persoas dos cadros de persoal con probas positivas, a maioría repartidas entre O Incio (36), Outeiro de Rei (23), Culleredo (4), Lalín (3), na Volta do Castro de Compostela (2) e en Mos (2).

O resto son unha afectada por xeriátrico en Ballesol (Oleiros); a residencia de Oleiros; Domusvi Coruña (tamén en Oleiros; DomusVi Noia; Porta do Camiño (Compostela); San Simón (Teo); Victoria (Teo); Os Tercios (Touro); DomusVi Monforte; San Bartolomeu (Xove); Nosa Señora do Socorro (Arnoia); La Saleta (Cea); DomusVi Barra de Miño (Coles); Santiago Apóstol (Vilamarín); Vilar de Barrio; Campolongo; Saraiva Sénior (Pontevedra); CRAPD Vigo II e Albi-Beade.

Alarma no centro Ricardo Baro

No que se refire aos centros de atención a persoas con capacidades diferentes, hai que dar conta do contaxio a outras 6 traballadoras da residencia de atención a persoas con discapacidade Ricardo Baro de Aspronaga (Oleiros) e a un operario do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade de Redondela.

Así, segundo o último informe de Política Social, hai 26 usuarias e 8 empregadas de Aspronaga enfermas. A Covid-19 tamén afectou a outras catro persoas dos cadros de persoal destes centros. Hai un doente en Aspace (A Coruña), en A Braña (A Estrada), en Juan Vidán Torres (Compostela) e en Chapela (Redondela).