Nova noite de loita contra o lume na Pobra do Brollón, con 900 hectáreas queimadas
Mantéñense activos catro incendios na Galiza, sendo o de maior entidade o de Carballeda de Valdeorras que afecta Casaio e Trevinca.
Continúan a angustia e a loita contra o lume unha noite máis na Pobra do Brollón (Terra de Lemos), nun incendio no que se mantén activa a Situación 2 por proximidade a núcleos de poboación e que xa queimou máis de 900 hectáreas. Voluntariado e equipos do servizo antiincendios traballaron durante a noite para manter o fogo afastado das aldeas.
Galiza mantén activos outros tres incendios forestais, sendo o de maior entidade o rexistrado en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, afectando o emblemático teixadal centenario. Este lume, que entrou no país desde Seabra, calcinou máis de 5.000 hectáreas.
As dotacións do Consorcio da Coruña facendo esta noite defensa de aldeas e abstecemento autobombas forestais no incendio de Pobra de Brollón na Provincia de Lugo. pic.twitter.com/M7bmFTOKqQ
— A.D.C.Bomberos Boiro (@BomberosBoiro) August 27, 2025
Así se desprende da última información trasladada pola Consellaría do Medio Rural, que recolle que a superficie queimada no incendio declarado esta terza feira na Fonsagrada, na parroquia de San Pedro de Río, afecta 40 hectáreas.
O incendio de Avión (O Ribeiro), na parroquia de Nieva, que se iniciou na tarde deste pasado domingo, afecta un total de 250 hectáreas, segundo as últimas estimacións.
Estabilizados e controlados
Doutro xeito, permanecen estabilizados os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño (19.000 hectáreas); o de Larouco, parroquia de Seadur (30.000 hectáreas); o de Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 hectáreas); o da Mezquita, parroquia da Esculqueira (10.000 hectáreas); e o de Carballeda de Avia e Beade (4.000 hectáreas).
Así mesmo, mantéñense controlados os lumes de Maceda (3.500 hectáreas); Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas); Carballedo, parroquia da Cova (100 hectáreas); o de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos (900 hectáreas).