Nova mobilización pola sanidade pública do Condado: veciñanza de Mondariz exixe pediatras

Concentración esta cuarta feira en Mondariz, no Condado. (Foto: Nós Diario)
O Sergas culpa a gripe do colapso do servizo de Urxencias do CHUS.

As comarcas do Condado e A Paradanta continúan acollendo protestas para exixir a restitución da atención pediátrica nos distintos centros de saúde. Esta cuarta feira foi a quenda de Mondariz, cuxas crianzas deben desprazarse ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo –a uns 40 km– para seren atendidas, chegando o tempo de agarda para as consultas a superar os 15 días, segundo denuncia a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado-A Paradanta.

A protesta que esta cuarta feira xuntou centos de persoas no concello de Mondariz recolle o facho das decorridas na terza feira en Salvaterra de Miño, na mesma comarca, e en Cangas (O Morrazo), e precede ás que terán lugar na quinta no Covelo (A Paradanta), cuxo centro de saúde tampouco ten pediatra, e en Soutomaior (comarca de Vigo), onde exixirán máis persoal sanitario. Tamén en Cangas, veciñanza da parroquia do Hío volverá concentrarse o 19 de decembro para reclamar a reapertura do consultorio, fechado desde marzo de 2020. 

Colapso no CHUS

As protestas na sanidade pública non se cinguen á Atención Primaria. Até 24 pacientes permanecían amoreados nos corredores agardando a ser atendidos e outros 47 ocupaban os espazos de traballo, co ingreso en planta asinado, esta terza feira no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), segundo denunciou esta cuarta feira a Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS, que cualifica o acontecido de "grave". 

O colectivo de usuarias asegura que "os responsábeis do servizo e a xerencia seguen banalizando a situación e esquecen que nese corredor producíronse falecementos de persoas". O servizo de urxencias do CHUS, indican, "está sendo utilizado como almacén de pacientes con incumprimento [...] da Lei de Saúde da Galiza", a cal di que "a atención de urxencia prestarase ao paciente nos casos en que a súa situación clínica obrigue a unha atención sanitaria inmediata”.
O "maltrato asistencial" de pacientes e a "presión laboral" que padece o persoal prodúcese, din, nas Urxencias, pero a "súa causa está nos despachos da Xerencia, que non pon os medios necesarios".

Porén, o director xeral de Asistencia Sanitaria da Consellaría de Sanidade, Jorge Aboal, enmarcou dentro do "habitual" de cada inverno as "tensións" en Urxencias, debido á "alta" incidencia de gripe na poboación.