Educación

Folga do estudantado, acceso á reitoría, canles de participación... Que muda coa nova Lei de universidades?

As universidades contan cun prazo máximo de dous anos para adaptar os seus estatutos á LOSU. (Foto: Arxina)
O BOE publica o texto da reformada Lei orgánica do sistema universitario (LOSU), que entrará en vigor o próximo 12 de abril.
  1. Reitoría
  2. Dereito á folga, participación e igualdade
  3. Profesorado
  4. Erasmus e proxección internacional
  5. Acceso á formación permanente
  6. Universidades privadas sen ánimo de lucro
  7. Outras modificacións

A nova Lei orgánica do sistema universitario (LOSU), que entrará en vigor o próximo 12 de abril tras a súa publicación esta quinta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE), recoñecerá ao estudantado o dereito ao paro académico e impedirá aos colexios maiores adscritos a universidades públicas segregar por sexo, entre outras cuestións. Tamén destaca o compromiso de gasto de 1% do Produto Interior Bruto (PIB) para 2030; inclúe entre as funcións do claustro universitario "analizar e debater temáticas de especial transcendencia", ou que unha persoa non funcionaria poida ser reitora dunha universidade. As universidades contan cun prazo máximo de dous anos para adaptar os seus estatutos á LOSU.

Reitoría

Poderán optar á reitoría profesionais que non sexan funcionarios de carreira. Até que se produza a adaptación dos estatutos e determinen as universidades os méritos de investigación, docencia e experiencia de xestión universitaria que deberán reunir os candidatos a reitor, exixiráselles no mínimo estar en posesión de tres sexenios de investigación, tres quinquenios docentes e catro anos de experiencia de xestión universitaria nalgún cargo unipersoal.

Dereito á folga, participación e igualdade

A respecto do paro académico, que poderá ser total ou parcial, a lei estabelece que deberá respectar "o dereito á educación do estudantado". "As universidades desenvolverán as condicións para o exercicio do devandito dereito e o procedemento de declaración do paro académico, que será efectuada polo órgano de representación do estudantado", precisa o documento, que tamén indica que, coa nova Lei de universidades, a participación das e dos alumnos nos órganos de goberno da universidade como o Claustro ou os Consellos de Facultade ou Departamento alcanza na LOSU un mínimo de 25%.

Ademais, e para evitar dinámicas endogámicas, en todos os concursos públicos a universidade convocante estará en minoría e os membros serán escollidos por sorteo. No relacionado coa gobernanza, expón que a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade universitaria realizarase mediante sufraxio, e contará con catro estruturas básicas: Claustro, Consello de Goberno, Consello de Estudantes e Consello Social. O Claustro será o máximo órgano de representación e participación da comunidade universitaria.

En materia de xénero, estabelece que para crear unha universidade, pública ou privada deberase contar con plans de igualdade, medidas para eliminar a fenda salarial e protocolos fronte a todo tipo de acoso.

Por outra parte, as unidades de Igualdade e as de Diversidade serán obrigatorias e todos os órganos das universidades e as comisións de avaliación ou selección de persoal serán paritarios. Nos concursos poderanse aplicar accións positivas para contratar, en igualdade de condicións de idoneidade, o sexo menos representado.

Profesorado

O texto fixa que a figura de 'profesor asociado' achegará os seus coñecementos naquelas materias nas que a súa experiencia profesional resulte relevante, limitando a súa docencia a un máximo de 120 horas lectivas; e incorpora a figura do 'profesorado substituto', cuxa finalidade é a de substituír o PDI con dereito a reserva de posto de traballo que suspenda temporalmente os seus servizos, co obxectivo de evitar que as universidades se vexan obrigadas a recorrer a outras figuras, como a do asociado.

Tamén pon especial énfase nos aspectos relativos aos retornos á sociedade, incorporando novos principios para as avaliacións do profesorado, que serán cualitativas e cuantitativas, terán en conta o acceso aberto das publicacións, o impacto territorial das investigacións, a pluralidade lingüística, a experiencia profesional e as particularidades de cada disciplina académica.

Erasmus e proxección internacional

O Congreso acordou que a nova lei asegure a inclusión do catalán, euskera e galego no programa Erasmus, así como outros programas de mobilidade que conten con financiamento público. Tamén se incluíu no texto que as comunidades autónomas e as universidades "promoverán a presenza de universidades, estudantes e as distintas instancias do Sistema Universitario Español nos órganos e foros de representación internacional universitaria".

Acceso á formación permanente

No tocante ao acceso a titulacións de formación permanente e ao longo da vida, a LOSU incorporou que as persoas que non posúan ningunha titulación universitaria habilitante para acceder ás titulacións de formación permanente e que poidan acreditar experiencia laboral ou profesional con nivel competencial equivalente á formación académica universitaria, poderán acceder aos ensinos universitarios de formación permanente perante un procedemento de recoñecemento da experiencia profesional.

Outro dos principais puntos da nova lei atópase no relativo á formación ao longo da vida, é dicir, facer que as universidades estean dirixidas a todas as idades, para dar resposta ás necesidades competenciais na idade adulta e polo cambio demográfico previsto nos próximos anos.

Universidades privadas sen ánimo de lucro

O texto tamén abre a porta a que as universidades privadas sen ánimo de lucro poidan participar en programas públicos de fomento da investigación. Así, sinala que os programas de fomento de proxectos para a investigación, creación e transferencia e intercambio do coñecemento impulsados polas administracións públicas "facilitarán a participación das universidades de carácter social e sen ánimo de lucro declaradas de interese público".

Outras modificacións

A Cámara Alta tamén introduciu cambios destacados no texto, como un réxime transitorio na convocatoria de prazas docentes e nos requisitos para os candidatos a reitor. Outro dos cambios destacados que se introduciu no Senado é que o Goberno deberá presentar no prazo de seis meses, no canto do ano que estabelecía o texto, desde a entrada en vigor da norma, un proxecto de lei do Estatuto do Persoal Docente e Investigador. Deste modo, a LOSU reduce á metade o prazo que ten o Executivo para aprobar o estatuto, despois de aprobarse no pleno da Cámara Alta unha emenda a pesar do voto en contra do PSOE.