A nova Irmandade TV negocia o salto á TDT e á televisión por cabo

O proxecto televisivo mantén conversas para multiplicar o número de soportes nos que será posíbel visibilizar os seus contidos. 

 

Irmandade TV atópase inmersa no proceso de capitalización. Desde hai varias semanas procura apoios económicos através dunha campaña de captación de fondos coa que encetar unha nova etapa após un ano de vida. 

Para o vindeiro período o proxecto xornalístico non só quer ampliar a súa oferta de contidos senón tamén os soportes en que poderá visibilizarse. Neste senso, a nova Irmandade TV está a negociar o seu salto a canles de TDT comarcais e tamén á televisión por cabo. As conversas avanzan, segundo confirman a Sermos Galiza, porén as negociacións aínda non están fechadas. 

O que si coñecemos xa é o abano de novos contidos que está a preparar a canle que dirixe Aurélio Lopes e que incluirán na programación diaria. Un programa de informativos, un debate sobre asuntos de actualidade, outro de deportes e un magazine no que achegar información cultural e musical. 

Aliás, a partir do vindeiro ano poderemos atopar a Irmandade TV, para alén da Internet, nunha aplicación de SmartTV. 

Para dar o chimpo, desde Irmandade TV lembran a súa campaña de financiamento que prolongarán até comezos do mes de xaneiro na procura de sumaren, sinalan, un maior número de persoas ao proxecto. Así mesmo, e en parcería con Radiofusión, Irmandade TV lanzou nos últimos días o proxecto Herdo Novo unha aposta no micro-financiamento através de soportes dixitais cos que achegar pequenas aportacións mensais a estes proxectos audiovisuais galegos.