Nova etapa da pandemia na Galiza: das restricións ás recomendacións

A Xunta recomenda grupos que non superen as quince persoas non conviventes nas praias. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Fin das limitacións á mobilidade e as reunións sociais.

Esta madrugada entraron en vigor as medidas que rexerán o que, de acordo cos avances na campaña de vacinación, semella ser a fase final da desescalada.

Deste modo, Galiza despídese dos fechamentos individuais de concellos e o toque de recoller: haberá libre mobilidade por todo o país. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xa apuntara ao longo da semana que a evolución da pandemia deixara "sen argumentos" a normativa que limitaba os dereitos fundamentais.

Tampouco deberá botar o cadeado o sector hostaleiro en ningún municipio, e todos os locais sen distinción —bares, cafetarías, tabernas, restaurantes etc.— teñen permiso para abrir até a 1 da madrugada, toda vez que dispoñan dun contador de CO2 para garantir a calidade do aire.

Nas súas mesas poden sentar seis persoas como máximo no interior e quince nas terrazas, mais sempre coa máscara posta agás no momento da consumición. De feito, o uso da máscara ao aire libre segue a ser obrigatorio.

Aliás, a hostalaría mantén a capacidade máxima de ocupación de 50% no interior e 75% no exterior en todos os concellos agás nos de nivel medio —Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove—, onde é de 30% e 50% respectivamente.

Porén, non hai límite legal para os encontros sociais, xa que se suprime a norma que impedía reunirse con non conviventes entre a 1 e as 6 da madrugada. Tampouco existe un número máximo de persoas, nin nos domicilios nin nos espazos públicos. Mais a orde publicada na quinta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle a "recomendación" de que os grupos non superen os 15 integrantes en lugares como as praias.

"Recoméndase que, entre a 1 e as 6 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto fechados como abertos, e nos de uso privado, se limite aos constituídos exclusivamente por conviventes", apunta o Goberno no DOG.

Tamén para a práctica deportiva recoméndase un máximo de 15 persoas, mais nos interiores segue a ser obrigatorio que non superen as seis, sempre coa máscara e garantindo o distanciamento de seguridade. E nas piscinas, a capacidade permitida é de 30% nos concellos do nivel medio e 50% nos do baixo.

Todas estas medidas estarán en vigor até o sábado 26 de xuño, mais a Xunta traballa na elaboración dunha nova normativa que, de se concluír antes da vindeira terza feira —cando se volve reunir o Comité Clínico—, rexería desde o 19 de xuño.