venres 25/06/21

Os eventos ao ar libre poderán acoller un máximo de 5.000 persoas de pé para evitar contaxios

As Consellarías de Cultura e Sanidade presentan a actualización dos protocolos para a celebración de verbenas e concertos no exterior nos próximos meses. Malia que haberá unha norma xeral, cada actividade vai depender da situación epidemiolóxica do concello no que decorra.
Unha actuación no marco dun festival de música. (Foto: Festivalot / Europa Press) #música #concerto #evento #airelibre #xunta #coronavirus #covid19 #lecer #restricións
Unha actuación no marco dun festival de música. (Foto: Festivalot / Europa Press)

As Consellarías de Sanidade e Cultura abren a porta á celebración de eventos culturais, festivais, verbenas e concertos este verán, mais de momento estas citas terán limitacións na súa capacidade. Os conselleiros de ambos departamentos, Julio García Comesaña e Román Rodríguez, respectivamente, explicaron na quinta feira que poderán acudir 5.000 persoas ás actividades ao aire libre nas que sexa obrigado estar de pé, mentres que no caso daquelas que conten con cadeiras para o público, o máximo de asistentes estará nos 10.000.

Así o explicaron ao debullar a actualización dos protocolos que van controlar estas actividades nos próximos meses, un acto no que tamén estiveron presentes representantes da cultura e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva.

Aclararon que os eventos no exterior disporán de dous protocolos diferenciados e restricións de público e espazo específicas en función do tipo de formato polo que opte a organización, e contemplan diversos tramos de aforo máximo segundo o datos de incidencia a 14 días que presente o municipio no que se realicen. É dicir, haberá axenda cultural sempre e cando a evolución da Covid-19 non o impida.

"Os espectáculos con público de pé poderán congregar até 5.000 persoas sempre que o municipio conte cunha incidencia acumulada inferior a 25. Este dato reduciríase a 2.000 ou a 1.000 asistentes no caso de que as cifras de contaxios a 14 días estean entre os 25 e 75 e entre os 75 e 150, respectivamente", engadiron.

En calquera caso, como referencia, a capacidade máxima á que aludiron é o 33% da superficie útil do recinto elixido para a cita. Ademais, deberán fecharse sectores de até 500 individuos, que teñan os seus propios servizos e percorridos de entrada e saída, para reducir os contactos aínda máis masivos.

Neste contexto a máscara será obrigatoria malia que xa se fale de prescindir dela no exterior, pois neste caso pode que as distancias de seguridade non sexan tan controlábeis.

De milleiro en milleiro

"No caso de eventos con público sentado, o máximo poderá chegar até as 10.000 persoas, con asentos preestablecidos, para municipios cunha incidencia acumulada a 14 días inferior a 25 casos", remarcaron. O número de asistentes nunca poderá superar o 50% da capacidade.

O número máximo de asistentes será de 5.000 para aquelas localidades cunha incidencia de entre 25 e 75 casos e de 2.500 cando se atope entre os 75 e os casos a 14 días. Neste caso, os sectores deberán ser dun milleiro de cidadáns como máximo.

Rodríguez comentou que estas medidas foron acordadas nun "diálogo co sector", se ben quixo deixar claro que son protocolos vivos que poden mudar en función da realidade que deixe a pandemia.

comentarios