Nova alerta por radon na UDC

Facultade de Informática da UDC [Imaxe Galipedia]

Deslocan catro persoas da Facultade de Informática por índices elevados deste gas. 

A Universidade da Coruña decidiu deslocar da súa área de traballo catro persoas do Centro de Cálculo da Factuldade de Informática. A decisión reitoral adoptouse após detectaren índices de gas radon por riba do permitido. 

O radon é a segunda causa de cancro de pulmón após o tabaco e a Galiza está especialmente exposta

Desde hai meses a UDC desenvolve medicións por todos os seus edificios e segundo o reitor, Julio Abalde, en Informática volverán levarse a cabo en tres meses para avaliar a súa evolución. Así as cousas, a UDC demorou 12 anos en comezar a facer estas probas. 

Segundo os dados oficiais o radon é a segunda causa de cancro de pulmón após o tabaco e a Galiza está especialmente exposta a el, embora ser un grande descoñecido. 

Os mapas de incidencia que se foron elaborando desde os anos 90 constataron que Galiza é unha zona “de alta exposición”. Por que? Nunha reportaxe en profundidade publicada no número 189 do semanario en papel Xoán Miguel Barros Dios, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Laboratorio de Radon de Galiza, explica que “os nosos solos son de estirpe arxilosa e, en maior medida, granítica. Mentres os primeiros non son porosos e, polo tanto, o radon non sobe ou filtra desde o subsolo, co granito acontece todo o contrario: ten poros a eito e iso fai que ese gas aflore á superficie e se instale nas vivendas desde o solo”.

O solo granítico da Galiza permite a filtración do gas radon desde o subsolo permitindo que se instale nas edificacións

Porén, malia ter coñecemento dos seus riscos desde hai tres décadas e seren publicados diversos estudos, mesmo unha tese doutoral no país, ao respeito as administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, non teñen adoptado medidas de prevención.

De facto, durante os anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo foron derrogadas as medidas fixadas para controlar e evitar o radon nas edificacións que foran recollidas nas Normas do Hábitat de 2007.