O SUBSOLO GRANíTICO DE GALIZA, A CLAVE

Radon, o inimigo invisíbel

Campus de Elviña da UDC Foto UDC

É a segunda causa de cancro de pulmón tras o tabaco e Galiza está especialmente exposta a el. A este tema dedicamos o Tema de Primeira do número 187 do semanario, xa nas rúas e a nosa loxa

 

 

A denuncia a respeito de casos de cancro no Campus de Elviña da UDC volveu situar na palestra o problema que comporta a elevada presenza de radon en boa parte dos edificios do país. Mais esta realidade, que se coñece desde os anos 80, non é nova. Tampouco o é o desleixo das administracións á hora de pórlle freo con medidas concretas. 

A nocividade do radon coñécese desde hai máis de tres décadas. A Organización Mundial da Saúde chamou por vez primeira a atención sobre o perigo que comporta a exposición ao radon residencial nun informe publicado en 1979. Anos despois, no 88, a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro cualificouno como carcinóxeno humano. Os estudos posteriores non fixeron máis que confirmalo. O último, a tese de douramento da pneumóloga María Torres cuxa principal conclusión, explica, “é que as persoas nunca fumadoras que están expostas a concentracións elevadas de radon residencial (>200 Bq/m3) presentan un incremento do risco de padecer cancro de pulmón en comparación con aquelas expostas a concentracións por debaixo de 100 Bq/m3”. O estudo revela ademais unha asociación entre exposición a radon residencial e tabaquismo pasivo, “de maneira que para unha mesma concentración de radon”, engade a doutora, “o risco era superior nos casos que conviviran con fumadores que para aqueles non expostos ao fume do tabaco”.

Os mapas de incidencia que se foron elaborando desde os anos 90 constataron que Galiza é unha zona “de alta exposición”. Por que? Xoán Miguel Barros Dios, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, é director do Laboratorio de Radon de Galiza, explica que “os nosos solos son de estirpe arxilosa e, en maior medida, granítica. Mentres os primeiros non son porosos e, polo tanto, o radon non sobe ou filtra desde o subsolo, co granito acontece todo o contrario: ten poros a eito e iso fai que ese gas aflore á superficie e se instale nas vivendas desde o solo”. O perigo, pois, axexa desde a base granítica na que se asentan boa parte das vivendas galegas, coa excepción da comarca de Bergantiños e parte da zona de Lugo, onde a presenza deste gas é polo xeral menor.


A íntegra da reportaxe, 4 páxinas, podes achala no Sermos Galiza 187, xa nos quiosques e na nosa loxa.