Educación

Fas a selectividade en 2024? Así se corrixirán os teus exames

Estudantes na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, antes de sometese á ABAU do pasado ano. (Foto: Arxina)
O Ministerio realizou en marzo unha proba piloto para valorar as mudanzas introducidas nos exames.

A nova Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (Abau) descontará 0,25 puntos por cada erro ortográfico e os tiles computarán como media falta. Así o dispoñen as guías de corrección dos exames piloto da nova selectividade, publicadas polo Ministerio de Educación após realizar unha proba piloto entre alumnado de 1º curso de Bacharelato coas mudanzas introducidas. O obxectivo é que os exames sexan máis reflexivos e leven o alumnado a relacionar contidos.

Na guía correspondente á proba de Lingua Castelá e Literatura indícase que "a cualificación de cada exercicio será sempre 0, 0,25, 0,5, 0,75, 1, 1,25, 1,5, 1,75, 2, 2,25 ou 2,5 puntos, até un total de 10 puntos", e especifícase que se descontarán 0,25 puntos por cada erro ortográfico; os tiles serán considerados como media falta, e todos os demais casos —maiúsculas, estranxeirismos, signos de exclamación e interrogación— contarán como unha falta.

Os erros repetidos só descontarán puntos a primeira vez. A guía tamén propón que, cando a resposta do alumno sexa mellorábel ou conteña erros, sexa cualificada cunha puntuación de 0,25, por exemplo, ante a pregunta de elaborar un texto expositivo-argumentativo, malia que a presentación non se axuste "en absoluto ao formato proposto", teña "unha extensión inferior á requirida", non se axuste ao tema ou conteña "vocabulario inadecuado, insuficiente" e con "abundantes erros gramaticais".

En suma, a guía sinala que "se tenderá a unha valoración conxunta positiva sempre que o texto teña uns mínimos de coherencia e cohesión, así como una certa corrección expresiva". Non transcendeu aínda o caso específico da materia de Lingua Galega e Literatura, así como o doutras linguas oficiais do Estado.

Na guía para o exame de Matemáticas, indícase nunha 'nota xeral' que "non se contemplou a cualificación 0" pero que, "se a resposta non cumpre os requisitos propios do nivel 'Mellorábel', ou é unha resposta en branco, a cualificación nese apartado será de 0 puntos".

Así, por exemplo, sobre un dos problemas expostos na proba piloto, que consiste en calcular a área dunha estrela, a guía considera 'excelente' (o máximo: 1 punto) cando "se expón un procedemento adecuado que se explicita, explica e chega de forma correcta á solución" (aínda que se permite certo grao de imprecisión por redondeos); 'alto' (0,75), cando "se comete algún erro de tipo aritmético ou alxebraico básico"; 'suficiente' (0,5) cando "non se describe o procedemento utilizado" e "a solución non é correcta"; e 'mellorábel' (0,25) cando "se evidencia un intento de resolución" pero "se cometen varios erros graves". Neste exame permítese ao alumno empregar "calquera tipo de calculadora, sempre que non dispoña de conexión a Internet nin posibilidade de transmisión de datos".

Tamén no exame de Filosofía proponse ao persoal examinador que puntúe con 0,25 as respostas das e dos alumnos aínda que non sexan de todo correctas. Por exemplo, nun exercicio no que se pide ao estudante unha reflexión a partir dun texto filosófico, proponse puntuar con 0,25 aqueles que presentan "falta de coherencia argumentativa ou non utilizan axeitadamente o vocabulario filosófico", ou que non achegan "exemplos pertinentes".

Estas guías de corrección publícanse tres semanas despois de que o Ministerio de Educación e Formación Profesional realizase unha proba piloto da nova Abau, entre estudantes de 1º de Bacharelato de 50 centros de todas as comunidades autónomas, Ceuta e Melilla, agás Aragón e Euskadi. O ensaio tivo lugar o pasado 14 de marzo.

Esta proba piloto, informou o Ministerio, está orientada a "harmonizar as probas de acceso á universidade, que se comezarán a implantar en xuño de 2024, co carácter competencial do novo currículo". O Ministerio xustificou a nova proba en base a que hai novas cuestións de ordenación do Bacharelato e que hai uns currículos novos do Bacharelato, que teñen "outro enfoque competencial que implicará utilizar outras metodoloxías e outra forma de avaliar e, por tanto, debe haber coherencia entre o que se ensina e o que se avalía".