Nova acción das brigadas deseucaliptizadoras: libertar un castro da invasión dos eucaliptos

Castro de Bexo Foto: manuelgago.eu

Será o vindeiro 16 de xuño en Bexo, no concello de Dodro.

As brigagas deseucaliptizadoras non paran. Desde a súa constitución o pasado mes de abril xa realizaron varias actuacións. A primeira –e que foi o seu lanzamento público- foi o 21 de abril en Froxán, no concello de Lousame, onde a brigada da Barbanza eliminaba eucaliptos e acacias nunha zona de monte comunal. Pouco despois, 26 de maio, a brigada do Ribeiro erradicaba acacias na aldea de Lentille (Cenlle), nunha acción na que tomaron parte voluntarios de Vigo, Compostela ou Lugo entre outras localidades.

 

E xa hai unha nova acción: vai ser o 16 de xuño en Bexo, no concello de Dodro. “O Castro de Bexo, en Dodro, como tantos outros elementos do patrimonio cultural galego que acollen os nosos montes, encóntrase degradado e oculto pola invasión de eucalipto que non só impide o seu coñecemento e gozo pola sociedade se non que, lume após lume, converte esta paraxe única e con espectaculares vistas da ría de Arousa e brañas do Ulla nun deserto baixo aparencia verde”.

 

O sábado 16 de xuño as brigadas teñen convocada unha roga e albaroque en Bexo en parcería coa Asociación Cultural Unidade Veciñal de Dodro.

 

O Castro de Bexo, explican as brigadas, tamén coñecido como “As Murallas” está catalogado por Patrimonio e é un dos asentamentos máis grandes de toda a zona, pola súa posición estratéxica. No último ano a Comunidade de Montes en Man Común Cruz do Avelán ten acordado a súa recuperación, redactando un proxecto de xestión arqueolóxica que inclúe a erradicación do eucalipto en todo o seu perímetro. Tamén nos últimos anos se realizaron varias intervencións de retirada desta especie.