Ensino

Estas son as notas de corte nas universidades galegas: máis de 70 titulacións xa fecharon a admisión

Alumnado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o pasado mes, nunha das probas da Abau. (Foto: Arxina)
Un total de 73 titulacións non admiten máis estudantes por completaren as prazas dispoñíbeis: aquí podes consultar a listaxe completa.
  1. Notas de corte
  2. 73 titulacións fechadas
  3. Prazo de matrícula

A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) publicou esta quinta feira o primeiro chamamento á matrícula nas titulacións de graos no país. Como principal novidade na convocatoria deste ano, un total de 73 titulacións xa fecharon a admisión, unha medida que a CiUG defende para "axilizar" os procesos de inscrición dos estudantes.

Notas de corte

Nesta primeira chamada, as que fecharon coa nota de corte máis alta, por riba do 13 —sobre 14—, foron as habituais: o dobre grao en Matemáticas e Física (13,645), o dobre grao en Enxeñaría Informática e Matemáticas (13,520) e Medicina (13,050), todas elas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

As notas de corte máis altas están no campus da capital galega da USC

Entre as carreiras xa fechadas con notas de corte altas tamén se sitúan a dobre titulación en Comunicación Audiovisual e Xornalismo na USC (12,942) e o dobre grao en Educación Infantil e Primaria, tamén na USC (12,692). No que atinxe ao campus de Lugo desta universidade, a titulación xa fechada coa nota máis elevada de admisión é o dobre grao de Infantil e Primaria (11,448).

Pola parte da Universidade da Coruña (UDC), na cidade herculina salienta a dobre titulación de Bioloxía e Química (11,870), seguida inmediatamente de ADE e Dereito (11,865), mentres nas instalacións de Ferrol a maior nota de corte é a do dobre grao en Enxeñaría Naval e Oceánica e Enxeñaría Mecánica (11,780).

Finalmente, no que atinxe á Universidade de Vigo (UVigo), salientan Enxeñaría Biomédica na cidade olívica (12,370), Enxeñaría Aeroespacial en Ourense (12,416) e Comunicación Audiovisual en Pontevedra (9,898).

73 titulacións fechadas

De acordo coa listaxe facilitada pola CiUG, neste primeiro chamamento xa hai 73 graos que fecharon o proceso de matrícula. No caso da UVigo, no propio campus da cidade olívica xa non admiten máis alumnos Enxeñaría en Organización Industrial, Dereito, Enxeñaría Mecánica, Tradución e Interpretación Español-Inglés, Tradución e Interpretación Español-Francés, Enxeñaría Biomédica, e as dobres titulacións ADE-Dereito, Enxeñaría Biomédica-Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Biomédica-Enxeñaría Mecánica, e en Enxeñaría Mecánica-Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.

No campus de Ourense están xa fechadas Xeografía e Historia, Enxeñaría Aeroespacial, Relacións Internacionais e as dobres titulacións ADE-Dereito e ADE-Enxeñaría Informática. E no Campus de Pontevedra, Comunicación Audiovisual, Dirección e Xestión Pública na modalidade virtual —a presencial segue aberta— e Publicidade e Relacións Públicas.

Na USC, no campus da capital galega pecharon na primeira chamada ADE, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Filosofía, Historia, Historia da arte, Lingua e Literatura Españolas, Lingua e Literatura Inglesas, Medicina, Educación Infantil, Educación Primaria, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xornalismo e os dobres graos Comunicación Audiovisual-Xornalismo, Dereito-Relacións Laborais, Enxeñaría Informática-Matemáticas, Matemáticas-Física, Química-Física, Farmacia-Óptica e Educación Infantil-Primaria.

No campus de Lugo, pola súa parte, xa non admiten máis inscricións Educación Infantil, Educación Primaria e os dobres graos Enxeñaría Agrícola-Infeniería Forestal e Educación Infantil-Primaria.

Algunhas titulacións fecharon a admisión en modalidade presencial mais seguen con prazas libres na edición a distancia

Na Universidade da Coruña, na cidade herculina están pechadas ADE, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social, Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo, Arquitectura Técnica, Estudos de Arquitectura, Fisioterapia, Turismo en modalidade presencial —en modalidade virtual segue aberta—, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Intelixencia Artificial, o grao aberto Ciencias Sociais e Xurídicas, e as dobres titulacións Bioloxía-Química, Turismo-Ciencias Empresariais, ADE-Dereito, Español-Galego e Portugués, Inglés-Español.

E a respecto do campus de Ferrol, fecharon Deseño Industrial, Enxeñaría Mecánica, Xestión Industrial da Moda, Relacións Internacionais, o grao aberto en Enxeñaría Industrial e o dobre grao Enxeñaría Mecánica-Enxeñaría Naval e Oceánica.

Prazo de matrícula

As persoas aspirantes que foron chamadas na primeira convocatoria poderán matricularse a través da plataforma 'NERTA' a partir desta sexta feira, 15 de xullo, ás 00.01 horas, e até a próxima segunda feira, día 18, ás 23.59 horas.

O prazo de matrícula abre esta sexta feira e remata na próxima segunda, día 18

A CiUG lembra que "unicamente se poderán matricular aquelas persoas que posúan cualificación igual ou superior á da última persona convocada en cada titulación", para o que teñen que ter en conta a listaxe de notas de corte publicado esta quinta feira.

Se a persoa solicitante aparece convocada nunha titulación que non é a súa primeira preferencia, poderá agardar a matricularse en próximas chamadas —haberá até seis—, mais debe ter en conta que xa hai 73 carreiras fechadas e que esta listaxe podería medrar.

Con todo, se o aspirante decide matricularse nunha titulación de inferior preferencia, xa non poderá continuar no proceso de ingreso naquelas que situou por riba dela.