'A Nosa Terra' volve á rede 7 anos despois

Capa de 'A Nosa Terra'

A histórica cabeceira, fundada en 1907, desaparecera en setembro de 2011, un ano despois de fechar o semanario en papel. Naquela altura, o conselleiro delegado e ex director Afonso Eiré agoiraba o retorno do proxecto: "A Nosa Terra é unha constante de supervivencia, seguro que voltará a aboiar e voltará ao mercado". Volta esta cuarta feira.

Se imos á rede e escribimos anosaterra.com o que imos achar de entrada, na súa capa, son artigos de Afonso Eiré, Manuel Veiga e Xan Carballa, o núcleo histórico da redacción dun medio que, até a súa desaparición primeiro no quiosque e despois na rede, foi todo un referente no espazo galego de comunicación.

 

O dixital presenta como un dos "atractivos" do seu retorno a disponibilización na rede da colección contemporánea do semanario (1977-2010), até o momento do seu fechamento o único medio galego impreso nos quiosques con esa periodicidade [Sermos tomou o relevo en xuño de 2012].