A NOSA, Axencia Espacial Escolar Galega, presenta a 'Misión Oxalá'

O lanzamento da súa quinta sonda, a 'Marumasat', estaba previsto para o mes de maio (Foto: Nós Diario).
A Axencia vén de presentar a Misión Oxalá, unha cápsula audiovisual en substitución da real e levada a cabo por alumnado do IES Miraflores (Oleiros), o CPI O Cruce (Cerceda), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces).

Debido á extraordinaria situación derivada da pandemia pola COVID-19, a NOSA viuse obrigada a cancelar neste ano o lanzamento da sonda Marumasat, que ía celebrarse no marco da Misión 360, prevista para este mes de maio.

Porén, a non realización do lanzamento non supuxo un parón na actividade da Axencia, pois durante estes meses de confinamento ofreceron "recursos en rede para gozar das actividades xa levadas a cabo, e tamén recursos educativos en aberto para que alumnado de 1º da ESO a 2º de Bacharelato puidese acceder a exercicios e material de Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Lingua", nun tempo que serviu para consolidar a "función educativa e pedagóxica da NOSA",

Neste contexto, a Axencia vén de presentar a Misión Oxalá, unha cápsula audiovisual en substitución da real e levada a cabo por alumnado do IES Miraflores (Oleiros), o CPI O Cruce (Cerceda), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Trátase dun vídeo, dispoñíbel na súa canle de YouTube, composto por textos realizados por alumnado dos devanditos centros e que recolle as sensacións despois de semanas de confinamento e os desexos de que a normalidade se recupere axiña.