A sonda da Axencia Espacial Escolar Galega gravará unha viaxe virtual pola estratosfera con imaxes en 360 graos

A quinta 'Marumasat' incorporará melloras de xeolocalización e será lanzada no mes de maio co obxectivo de pasar os 36.000 metros de altura.

O novo proxecto de investigación da Axencia Espacial Escolar Galega dará un paso máis co lanzamento da súa quinta sonda, a 'Marumasat', no mes de maio. Nesta ocasión, buscarán levar os ollos dos propios alumnos e docentes ao espazo para que poidan sobrevoar os ceos da Galiza.

A sonda incorporará unha nova cámara para captar imaxes en 360 graos. Estas gravacións utilizaranse para elaborar un vídeo e, en concreto, unha viaxe pola propia estratosfera que se poderá gozar a través dunhas lentes de realidade virtual.

Esta iniciativa será un dos experimentos que se expón ‘ A NOSA' para este ano, un proxecto educativo no que participan ata seis centros de forma colaborativa a través do deseño e construción dunha cápsula que realiza un voo suborbital no terceiro trimestre de cada curso.

Este será o quinto ano desde o impulso desta investigación escolar, co que os alumnos e profesores van incorporando diferentes melloras ao equipo utilizado a través da experiencia e co que solicitan datos e realizan experimentos tecnolóxicos, matemáticos ou biolóxicos.

Decenas de alumnos colaboran nesta iniciativa desde o curso 2014-2015, na que están implicados o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Miraflores (Oleiros), o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Arcebispo Xelmirez II (Santiago de Compostela), o CPI O Cruce (Cerceda) e o IES Ferrol Vello.

Experiencia conxunta

Adrián Caamaño cursa bacharelato e é un dos participantes no proxecto. Segundo explicou, unha das novidades será a mellora da implementación da xeolocalización na cápsula para evitar que se repitan algúns imprevistos como os que se deron o pasado ano, cando se desprenderon tanto o localizador como varias das cápsulas experimentais adheridas.

A misión tentará superar de novo os 36.000 metros de altura e incluirá novos módulos de xeoposicionamento, ademais doutro tipo de medidores en función dos datos que se tentarán solicitar, con experimentos de campo magnético, biolóxico, ou sensores de ozono, presión e demais.

Raquel Veira, profesora do CPI O Cruce de Cerceda, destacou que o lanzamento está "moi controlado" e sempre se preparan con ensaios previos e cunha gran tarefa de coordinación, aínda que contan xa con varios anos de experiencia que permiten "ir sen risco".

Todos os datos e experiencias solicitadas e vividas cos alumnos intégranse dunha maneira diferente en cada centro, buscando unha relación cos contidos de materias en concreto ou a través dos clubs de Ciencia e o Bacharelato 'STEM'.

Deste xeito, a cápsula e o proxecto "facilita o contexto" para facer actividades durante todo o curso e, ao mesmo tempo, favorece a implicación do alumnado nos programas e na vida escolar e académica, fomentando ademais a vocación científica.

Os centros implicados celebraron esta segunda feira, precisamente, o IV Congreso de ‘A Nosa’ no Auditorio de Galiza de Santiago de Compostela, nun acto que contou coa participación da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a concelleira compostelá Noa Díaz