O aumento da mortalidade das abellas pode implicar diversas consecuencias

A mortalidade das abellas do país aumentou máis de 30% nas últimas décadas. (Foto: Europa Press)
As abellas son a primeira vítima do cambio climático.

O cambio climático está a provocar a experiencia de fenómenos meteorolóxicos a destempo, como sarabias ou xeadas, ou variacións bruscas de temperatura, como a seca que caracterizou os meses de xullo e agosto. Estes cambios meteorolóxicos están afectando a todos os seres vivos do planeta, entre eles ás encargadas de permitir o desenvolvemento habitual da biodiversidade e a produción de froitos para o noso consumo: as abellas.

Aumento da mortalidade das abellas

O sector apicultor leva anos advertindo do aumento da mortalidade das abellas galegas que xa chega a 40%, cando hai un par de décadas a mortalidade era só de 10%. Así o asegura Xesús Asorei, activista en defensa das abellas do colectivo Máis que mel, quen explica a Nós Diario que “en 1999 cuantificouse a produción de mel por colmea ao ano en 22 quilos, mentres que agora xa se fala dunha media de 10 quilos”.

“En 1999 cuantificouse a produción de mel por colmea ao ano en 22 quilos, mentres que agora xa se fala dunha media de 10 quilos"

Asorei critica que as Administracións públicas poñan en cuestión estes datos argumentando que “hai máis colmeas, pero isto non significa que a produción sexa maior”. De feito, segundo explica o activista, “hai apicultores e apicultoras que agora teñen 800 colmeas ou máis e que producen o mesmo mel que antes con 500”.

A importancia das abellas

O apicultor indica que “as abellas din moitas cousas” en relación á situación da contorna, referíndose a que estes insectos resultan un bo bioindicador do estado da natureza. O incremento da mortalidade das abellas débese ao cambio climático pois “mudou o seu ciclo biolóxico” que até agora transcorría con normalidade en paralelo ás estacións do ano, sostén Asorei.

O cambio climático mudou o ciclo biolóxico das abellas

Así, a seca deste verán e os numerosos incendios prexudicaron en gran medida o desenvolvemento vital das abellas. Ademais, esta climatoloxía tamén provoca que as plantas florezan a destempo, que non haxa néctar nas flores e que as colleitas empeoren. 

Habitualmente, relaciónanse as abellas coa produción de mel, mais o seu labor fundamental é o de polinización. “A polinización permite a reprodución das plantas, o mantemento da biodiversidade e a produción de alimentos, todo está relacionado coas abellas” e, sen elas, os ecosistemas “van en declive”, conclúe Asorei.

Os danos das velutinas

Por outra parte, a seca que marcou o verán galego afectou tamén as avespas velutinas, que xa son “unha especie máis totalmente asentada”. As velutinas non só resultan perigosas para as persoas, senón tamén para as abellas do país pois “é unha especie exótica e invasora”. O activista explica que agora “as velutinas están collendo abellas para levar cara aos seus niños e alimentar as crías”. 

Tanto para evitar a perda de abellas do país como para frear a expansión das velutinas, Asorei indica que é fundamental a investigación. Cómpre elaborar “métodos de control ecolóxicos” para acabar coas avespas alóctonas, quizais mediante “algunha substancia, un fungo ou unha bacteria, que funcione de cebo para que as velutinas a leven ao niño e así desaparezan”. 

Asorei sostén que non se investiga o suficiente no tema porque “non interesa economicamente” e advirte que tanto as Administracións como as universidades deberían levar a cabo un maior número de investigacións serias ao respecto.