“Se nos preocupa a escaseza de propostas ambientais nas campañas eleitorais, máis grave é o posterior incumprimento”

Adega cumpre 40 anos. Na súa 40 Asemblea Xeral houbo propostas de resolución en torno á prórroga de ENCE, a Lei de Acuicultura, a sentenza do 'Prestige' ou a relación entre política e ambiente.

A Nave de Vidán, en Compostela, acolleu esta fin de semana a 40 Asemblea Xeral de Adega, Asociación ecolóxica para a defensa de Galiza, unha cita na que celebraron os 40 anos de vida desta organización ambientalista. Unha asemblea onde, entre outras cuestións, as persoas asistentes trataron diferentes propostas de resolución en torno a cuestións de actualidade. Así, a asemblea rexeita a concesión da prórroga a Ence e demanda do novo governo do estado a “revogación inmediata da prórroga, a derrogación da modificación da Lei de Costas”. 

Adega tamén exixe a retirada do borrador de lei de Acuicultura. “Equiparar a acuicultura industrial co marisqueo e a pesca tradicional non é ordenar o sector como di Feijóo: significa entregar o noso litoral ás multinacionais dos peixes de plástico, os antibióticos e as hormonas” .  Tamén lamenta a asemblea que a recente sentenza do Supremo sobre a catástrofe do Prestige non contemple a revisión do proxeso para xulgar aos principais responsábeis administrativos da catástrofe.

Un dos puntos tratados foi o de 'Política e medioambiente'. Adega considera que as propostas “de xestión do territorio, dos modelos de transporte, xeración de recursos e tratamento de residuos, conservación da diversidade natural e dos servizos ecosistémicos que presta a Natureza (auga, alimento, aire limpo, protección contra o clima extremo, etc.) están case sempre ausentes da primeira liña política e eleitoral”. Reclama por iso que a presenza das cuestión ambientais, estea á altura da transcendencia que ten como xestionamos os ríos, os bosques, os recursos pesqueiros, mineiros, os residuos…”Se nos preocupa a escaseza de propostas ambientais nas campañas eleitorais, máis grave é o posterior incumprimento daquelas máis interesantes”. A 'Economía circular e emprego verde' foi outra das propostas desta asemblea.