Nós Diario: o soño que virou nunha realidade

A redacción de 'Nós Diario', traballando no primeiro número do xornal (Foto: Nós Diario)

O diario en galego estréase na rede, nos domicilios das máis de 3.000 persoas subscritoras e nos máis de 2.400 puntos de venda.

2 de xaneiro de 2020. Atrás ficaron dous anos desde o anuncio da posta en marcha do proxecto para a saída dun diario en galego en papel e dun novo diario dixital. A cifra clave: 3.000, o número de subscritoras e subscritores que permitiron facer realidade Nós Diario. Era o mínimo necesario para garantir a estabilidade financeira do medio. Agora o número segue a aumentar para construír un medio galego e plural máis forte.

Nós Diario actualizarase os 365 días do ano en www.nosdiario.gal e publicarase de terzas feiras a sábados en papel. As 32 páxinas a cor estrutúranse nas seccións Galiza, Economía e Traballo, Internacional, Opinión e Cultura e Axenda. Ademais, os sábados acompaña o diario o seu suplemento semanal, Sermos Galiza, que toma o nome da publicación nada en 2012.

O prezo do xornal nos máis de 2.400 puntos de venda por toda Galiza nos que está dispoñíbel é de 1,50 euros. Os sábados, 3 euros, pois inclúe ese suplemento fin de semana, que presentará unha aparencia e uns contidos diferentes ao Sermos Galiza tal e como viña sendo coñecido. 

Subscribíndote obterás un importante aforro a respecto da compra día a día. Existen varias posibilidades de subscrición.

Versión en papel con acceso ao diario dixitalizado na nube:

  • 12 pagamentos mensuais por un importe de 27 euros ao mes
  • 4 pagamentos anuais por un importe de 78 euros ao trimestre (26 euros ao mes)
  • 2 pagamentos anuais por un importe de 150 euros ao semestre (25 euros ao mes)
  • 1 pagamento anual por un importe de 288 euros ao ano (24 euros ao mes)

Acceso ao diario dixitalizado na nube:

  • 12 pagamentos mensuais por un importe de 20 euros ao mes.
  • 4 pagamentos trimestrais por un importe de 57 euros ao trimestre (19 euros ao mes)
  • 2 pagamentos semestrais por un importe de 108 euros ao semestre (18 euros ao mes)
  • 1 pagamento anual por un importe de 204 euros ao ano (17 euros ao mes)

Que é o acceso ao diario dixitalizado na nube?

Todas as persoas subscritoras ao papel terán acceso de balde ao diario dixitalizado na nube, que vén ser unha versión en PDF -mais sen posibilidade de descarga- do diario en papel.

Ademais, é posíbel subscribirse só ao diario dixitalizado, sen papel, cuxos custos son menores debido a que non é necesario distribuílo de maneira física.

Que sustentará a viabilidade de Nós Diario?

Nós Diario non conta con ningún gran medio de comunicación detrás. De feito, Sermos Galiza S.A. é unha iniciativa colectiva conformada por máis de 900 accións. Contamos co apoio económico de máis de 3.000 persoas, a cifra mínima de asinantes que garante a estabilidade financeira do medio. Continuamos a medrar.

Aínda é posíbel subscribirse a Nós Diario ou facerse accionista de Sermos Galiza S.A.?

Si, tes toda a información sobre as distintas modalidades de subscrición na web www.nosdiario.gal. É posíbel subscribirse desde 20 euros cada mes ou, o que é o mesmo, por 60 céntimos ao día, menos do que custa un café.

Este sería o prezo da subscrición ao diario dixitalizado na nube. Tamén permanece aberto o prazo para facerte accionista da empresa. Tes toda a información dispoñíbel no teléfono 881959597.

Podo agasallar subscricións ao diario?

Nós Diario pode ser o mellor agasallo para as persoas de pensamento aberto, actual e implicadas que non ven reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social e que queren un medio galego, é dicir, aquel que coloca a lingua propia como único idioma de comunicación e Galiza como miradoiro.

O Nadal mais tamén un aniversario poden ser a escusa perfecta para agasallar unha subscrición que permitirá rachar coa anormalidade que supón que da ducia de cabeceiras diarias que operan no país ningunha saia en galego nin teña Galiza como centro. Todas as modalidades de subscrición en www.nosdiario.gal.

Como se garante a súa independencia?

Sermos xornalistas implica asumirmos un compromiso coa sociedade, sen censuras, sen autocensuras, sen presións e sen clientelismos. Quen renuncia a iso, deixa de ser xornalista e pasa a ser escritora ao ditado ou relacións públicas. Nós Diario, en todos os seus soportes, quere ser unha prensa libre e incorruptíbel.

Un medio que practique xornalismo crítico e que non estea amordazado pola subvención nin pola banca. Acreditamos en que unha sociedade libre non se consegue sen prensa independente que renda contas perante a verdade, a honestidade e o interese galego.

Sustentar a nosa viabilidade económica no conxunto de persoas asinantes permitiranos editar cada día un xornal plural e practicar un xornalismo sen cancelas, un xornalismo de calidade.

Que temáticas tratará Nós Diario? 

Traerá ao primeiro plano informativo as temáticas que se botan en falta na axenda mediática da Galiza. Cuestións como a cultura galega, o traballo, os feminismos, a lingua, a diáspora, os dereitos civís, a historia, a memoria, o ecoloxismo...

Todo o que interesa a un público de pensamento aberto, actual e implicado, que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social. Todo en base a unha ollada construtiva cara á realidade galega para contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada.