'Nós Diario' reforza o xornal en papel e relanza este mes o diario dixital

Alberte Mera (Vigo, 1987) ocupa desde o día 1 de xaneiro a Subdirección de 'Nós Diario'. (Foto: Paula Cermeño)
Alberte Mera é o novo subdirector do medio.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, nomeou Alberte Mera (Vigo, 1987) subdirector do medio en substitución de Xesús Manuel Piñeiro, que ocupaba o cargo desde que Nós Diario viu a luz. Unha mudanza referendada polo Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. e coa que o medio principia unha nova etapa na que busca impulsar o soporte en papel e mais o dixital.

Licenciado en Comunicación Audiovisual (guión e dirección) pola Universidade de Vigo e de Santiago, especializouse cun mestrado en comunicación e industrias creativas. Como xornalista traballou en Atlántico Diario e Xornal de Galicia e foi colaborador das revistas A Movida e Terra e Tempo. Leva vinculado desde 2018 a Sermos Galiza, onde desenvolveu diferentes cometidos xornalísticos. 

Alén da súa experiencia laboral no ámbito da mercadotecnia e da comunicación dixital, dirixiu as longametraxes documentais sobre procesos mobilizadores na Galiza: Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013). A súa última película foi a celebrada Reboiras: Acción e Corazón (2020), producida pola Fundación Terra e Tempo.

Mudanzas no papel

A directora de Nós Diario agradeceu o labor desempeñado por Xesús Manuel Piñeiro ao longo destes dous anos na Subdirección, unha etapa complexa polo que supón pór en funcionamento un novo medio de comunicación atravesada, ademais, pola pandemia. Do novo subdirector, María Obelleiro destaca o traballo realizado á fronte da área de política e na coordinación de suplementos temáticos. 

A mudanza no equipo de dirección ten relación co inicio dun novo período en Nós Diario, con motivo do segundo aniversario do xornal e do décimo da empresa editora Sermos Galiza S.A. Trátase de melloras tanto no soporte en papel, que foron tomando corpo no último mes e que consisten en máis información sobre a Galiza, sección que gaña máis peso, e sobre cultura, que se estende até a contraportada e que recupera a axenda de actividades, con especial énfase nas realizadas pola cultura de base. 

Tamén estrea neste número Nós Diario a páxina 2, de apertura, con contidos variados que fan fincapé no aspecto visual, e afondarase nas publicacións coleccionábeis que acompañan o diario de terzas a sextas feiras, cunha grande acollida por parte das lectoras e lectores. Ademais, os suplementos temáticos de oito páxinas (Coñecer, Gozar, Producir e Entreter), que se publican cada sábado, son outra das apostas para este 2022, afondando na idea e dentro da concepción de que un diario en papel necesariamente leva a un dixital máis forte.

Relanzamento do dixital

Neste sentido, o proceso de mellora de Nós Diario fará fincapé no soporte dixital, ao considerar que nosdiario.gal aínda ten moitas potencialidades por explorar. A web verase completamente remozada este mes de xaneiro con máis e mellores contidos de actualidade e un deseño máis accesíbel, intuitivo, participativo e claro que priorizará os dispositivos móbiles, principal porta de entrada hoxe cara á web e ás redes sociais.

Nos próximos meses, Sermos Galiza S.A. dará a coñecer as novidades a respecto da celebración do décimo aniversario da propia empresa editora e da cabeceira que, cada semana, permitiu o retorno da lingua galega aos quioscos da Galiza cada semana.