'Nós Diario' recolleu este sábado o Premio Moncho Valcarce Promoción da Terra

Xoán Costa, María Obelleiro e Alberte Mera co premio.
Nós fai un traballo diario fundamental nestes tempos e escurantismo, de ataques á prensa, á nosa cultura, aos nosos recursos naturais”, declaraba Vitorino Pérez Prieto ao entregar o premio. Pola súa parte, Manuel Monge González recolleu o Premio Moncho Valcarce pola defensa da Terra pola súa faceta de activista, así como de promotor e fundador de distintas entidades.

Nós Diario vén de recoller o Premio Moncho Valcarce Promoción da Terra, un galardón outorgado pola Irmandade Moncho Valcarce, a asociación que vela polo legado dunha figura que soubo conciliar o seu labor como crego e a súa militancia nacionalista. 

Nun xantar celebrado en Alvedro e que contou coa actuación musical d'A Quenlla, recolleron o premio María Obelleiro, directora de Nós Diario, Alberte Mera, subdirector, e Xoán Costa, Presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S. A., empresa editora do xornal.

"Nós xa é unha referencia necesaria e indispensábel para milleiros de galegas e galegos orfos durante tantos anos dun xornal escrito integramente en galego, independente, con información veraz e de calidade", dicía Vitorino Pérez Prieto, en nome da Irmandade Moncho Valcarce, á hora de entregar o premio. “Nós fai un traballo diario fundamental nestes tempos e escurantismo, de ataques á prensa, á nosa cultura, aos nosos recursos naturais”, proseguía Pérez Prieto antes de vaticinar, entre os aplausos do público, que “se tivemos difíciles, os que están por vir non o van ser menos. Como exemplo, a negativa do goberno galego a concederlle a Nós as axudas económicas que, por lei, estaría obrigado a outorgar”. “A existencia e Nós Diario demostra que outro xornalismo galego e en galego é posíbel”, resumía, lembrando que Nós Diario é o primeiro diario en papel de toda a historia do xornalismo galego.

 

Costa, Obelleiro e Mera recollen o Premio Moncho Valcarce a Promoción da Terra.

 

“Axudar a comprender a realidade do país, non é outra a nosa liña editorial”, declaraba Costa despois de agradecer o premio e de citar extensamente ao propio Valcarce. ”Temos que facelo destruíndo as férreas murallas que nos impón o contexto, a comezar pola lingua, a celebrar a palabra que herdamos”, relataba. “Galiza existe, informativamente falando, porque existe Nós Diario e porque o galego é a nosa forma de visibilizar esa existencia”.

Costa explicou que ante o número 1000 do xornal, “partiamos de tres premisas: é necesario, é posíbel, depende de nós”, antes de lembrar a Luísa Villalta e de animar aos presentes a apoiar o proxecto, “porque as galegas e os galegos necesitamos ver o mundo, e comprendelo, desde Nós”.

 

Premio pola defensa da Terra

Pola súa parte, Manuel Monge González recolleu o Premio Moncho Valcarce pola defensa da Terra pola súa faceta de activista, así como de promotor e fundador de distintas entidades (Foro cívico, Comisión pola recuperación da Memoria Histórica, asociación pedagóxica Nova Escola Galega ou Galiza pola República, entre outras). O colectivo tamén valorou o seu papel como colaborador en distintos medios de comunicación -entre eles Nós Diario- e a autoría de máis de 14 libros.

“Este premio dáme ánimos para seguir actuando polo menos outros vinte e cinco anos máis en defensa da terra”, bromeaba Monge ao recoller o premio. Despois de facer un eloxio de Moncho Valcarce e de esbozar un breve repaso pola súa traxectoria vital, destacou a necesidade de organizarse, porque “é a única de dar resposta a estes tempos de retroceso. Se Moncho vivise, estaría hoxe, aquí connosco”, afirmou antes de agradecer a entrega do premio.

 

Manuel Monge agradecendo o premio.

 

A Irmandade Moncho Valcarce

A Irmandade Moncho Valcarce é unha asociación impulsada polas persoas que foron amigas, familiares, compañeiros e compañeiras  de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas, un intelectual e loitador, sempre ao carón dos máis necesitados, ata o seu pasamento o día un de febreiro de 1993, cando tiña 57 anos de idade.

Os primeiros socios da Irmandade decidiron crear os Premios pola Promoción e pola Defensa da Terra para xuntar no seu ámbito todas as persoas que se identifiquen cos valores que defendía o crego e que compartan a misión de perpetuar a súa memoria, como exemplo de entrega e compromiso co pobo galego, así como a de difundir o seu pensamento, expandir o seu significado humano, como persoeiro histórico do agrarismo, dende unha perspectiva nacionalista. Moncho Valcarce recoñecese como un símbolo do inconformismo labrego na segunda metade do século XX.