Nós Diario presenta o I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual

Estampa da inauguración da exposición 'Lugo Diversx', na Praza de San Marcos (Foto: Nós Diario)

Con motivo da celebración do Orgullo da Diversidade sexual, Lugo Diversx 2020, 'Nós Diario', en colaboración coas asociacións Arelas, Sete Outeiros, Avante LGTBI+ Lugo e a Rede Museística Provincial de Lugo, convoca o I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual.

Diversidade é unha palabra que conta con múltiples acepcións no dicionario. Tamén hai multitude de formas de vivila e de celebrala. Por iso, Nós Diario, en colaboración coa Asociación ARELAS, coa Asociación AVANTE LGTBI+ LUGO, coa Asociación SETE OUTEIROS e a REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL DE LUGO, desenvolve o I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual, que se enmarca no programa 'Lugo Diversx'.

Dotado con 250 euros para o traballo gañador e con 150 para o subcampión -ademais da publicación de ambos tanto na versión en papel como na dixital de Nós Diario-, no concurso poden participar tanto ­persoas maiores de idade como menores con autorización expresa de quen posúa a custodia legal, a cal pode descargarse aquí, ao igual que as bases.

Os textos xirarán sobre a temática da diversidade sexual, deberán ser orixinais e inéditos e estar escritos en lingua galega en calquera das súas normativas nunha extensión nunca maior a 1.700 caracteres, espazos incluídos, en letra tipo Arial a 12 puntos e cun interliñado 1,15.

Poderase participar cun máximo dun microrrelato, que se fará chegar a través do enderezo concurso@nosdiario.gal en formato pdf. No asunto do correo deberá figurar o texto 'Primeiro Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual', e ademais da obra -que estará nomeada unicamente co título do microrrelato e que só conterá o texto literario e un pseudónimo, nunca datos persoais- cada concursante achegará un segundo documento en pdf nomeado co título do microrrelato e o pseudónimo escollido, e que no seu interior conterá os seguintes datos identificativos: nome e apelidos, copia do documento de identidade, enderezo postal, correo electrónico e teléfono. 

O límite para a recepción dos traballos será ás 23.59 horas do día 23 de outubro de 2020. Entre ese día e o 6 de novembro as persoas participantes recibirán comunicación da aceptación do traballo –logo da verificación de que se axusta ás bases- e o fallo do xurado terá lugar o 22 de novembro.

Revolucionario

O ‘I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual’ representa, para a área de Cultura da Deputación de Lugo, unha iniciativa "que merece todo o apoio", unha postura que comparte Encarna Lago, xerente da Rede Museística da propia Deputación lucense, quen sinala para Nós Diario que "accións como esta, procedentes do terceiro sector e que teñen que ver co fomento da igualdade, sempre poderán contar coa a Rede Museística".

Lago apunta que a organización deste certame representa "unha chamada de atención" de cara á "elaboración dun microdiscurso que pode ser moi fermoso, pois escribir sae de dentro e supón unha forma de reflexionar por parte da xente, así como de visibilización e de reivindicación, pois non hai nada máis revolucionario que o afecto".

A xerente da Rede Museística destaca que "este concurso é froito da escoita activa do que as asociacións nos piden", como Arela, que en boca de Cristina Palacios explica para Nós Diario que este concurso representa "outra forma de entender o Orgullo, que se prolonga durante todo o ano e ten unha óptica máis próxima ao debate e á reflexión que á festividade". Tamén a Asociación Sete Outeiros quixo "apoiar e axudar a levar a cabo" este certame, complementario doutras iniciativas culturais que levan a cabo como o ‘tranzine’ Linguagem Alem do Binário.