luns 30/11/20

Bases do ‘I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual’

Consulta aquí as bases completas do  ‘I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual’ 
Imaxe promocional do certame. (Ilustración: Álex Rozados)
Imaxe promocional do certame. (Ilustración: Álex Rozados)

Con motivo da celebración do Orgullo da Diversidade Sexual, Lugo Diversx 2020, NÓS DIARIO en colaboración coa Asociación ARELAS, coa Asociación AVANTE LGTBI+ LUGO, coa Asociación SETE OUTEIROS e a REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL DE LUGO, convocan o Primeiro Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual que se rexerá baixo as seguintes bases:

1.Poderán concursar todas as persoas maiores de idade que o desexaren ou as menores con autorización expresa de quen posúa a custodia legal, para o cal deberán enviar un anexo asinado que se poderá descargar na seguinte ligazón.

2.Os textos xirarán sobre a temática da Diversidade Sexual, deberán ser orixinais e inéditos e estaren escritos en galego en calquera das súas normativas.

3.A extensión dos microrrelatos non poderá ser superior a 1700 caracteres, espazos incluídos.

4.Cada persoa poderá enviar un único microrrelato. O envío farase por correo electrónico ao seguinte enderezo  [email protected]

No correo deberá figurar como asunto: Primeiro Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual e acompañaranse dous documentos (A e B) en formato PDF

Documento A: Nomearase co título do microrrelato e conterá exclusivamente o texto do microrrelato, en letra tipo Arial, 12 puntos, interliñado 1, 15, sen sinatura e baixo pseudónimo

Documento B: Nomearase do seguinte xeito: Título do microrrelato -Pseudónimo e dentro conterá os datos identificadores da persoa autora do texto: Nome e apelidos, copia dixital do NIF, enderezo postal, correo electrónico e teléfono. Serán excluídos do certame aqueles arquivos que conteñan datos persoais no título dos mesmos.

5. Os traballos serán enviados antes das 24 horas do día 23 de outubro. Entre o 24 de outubro e o 6 de novembro as persoas participantes recibirán comunicación de aceptación do traballo, previa verificación de que se axusta ás bases.

6. Estabelécense dous premios, o primeiro de 250 € e o segundo de 150 € amais da publicación de ambos os dous na versión papel e web de Nós Diario e das Asociacións e Entidades colaboradoras. Así mesmo, o xurado poderá conceder tres accésit, sen dotación económica, que serán publicados conxuntamente cos dous textos premiados.

7.O fallo do xurado farase público o 22 de novembro e será comunicado ás persoas gañadoras no mesmo día, preferentemente por vía telefónica, posteriormente será posta en coñecemento do público en xeral a través de Nós Diario e das entidades colaboradoras. A composición do xurado farase pública no momento do emitir o veredicto do certame. A decisión do mesmo será inapelábel. Os textos publicaranse na edición en papel e web de Nós Diario o sábado 28 de novembro.

8. De acordo coa Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos dos e das participantes serán tratados de xeito confidencial co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, a súa honra e intimidade persoal.

9.O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das súas bases.

Galiza, 23 de setembro de 2020

comentarios