'Nós Diario' leva ás casas os segredos dos viños galegos

Os autores da proposta, responsábeis do Espazo Enocultural Vide, Vide!, foron galardoados nos últimos premios Manuel Beiras (Foto: Arxina).
O vindeiro 4 de xaneiro con Nós Diario iniciará a súa andaina un novo coleccionábel, desta vez dedicado ao mundo dos viños galegos. Con textos dos sumilleres Martiño Santos e Xosé Gontá, 'A nación dos mil viños' chegará acompañando ao xornal das terzas até as sextas feiras nun total de 16 entregas.  

En moitas ocasións diante dunha copa de viño preguntámonos a orixe dos seus aromas, o proceso polo que pasa até chegar a nós por escoller tal uva ou mesmo contar co algunhas marcas de referencia. Coa idea de resolver moitas destas dúbidas, Nós Diario iniciará o vindeiro 4 de xaneiro de 2022 un novo coleccionábel  co nome de A nación dos mil viños da man de dous expertos sumilleres: Martiño Santos e Xosé Gontá.  

Aprender a catar os viños da Galiza

A nova proposta do xornal é pór a disposición de todo o mundo a posibilidade de apreciar o sabor e xulgar as calidades dos diferentes viños que se fan na Galiza. A través de 16 entregas das terzas até as sextas feiras de xaneiro, a lectora e o lector poderá aprender a catar nunha inmersión completa no panorama vitivinícola da Galiza

O curso de cata está pensado para escoller e gozar a botella en cada ocasión, contextualizado por vez primeira na cultura dos viños galegos. A través das súas páxinas achegarase a descubrir de onde veñen os aromas ou a saber como inflúe o clima no gusto. Darase información de primeira man de se pesa máis a zona ou a variedade da uva ademais de aprender a diferenciar os viños que empregan unha soa uva dos que empregan varias. 

O curso descubrirá de que viñas saen bos os viños e a relación entre como se fan e a que saben. De maneira sinxela introducirá datos do mundo da cata para entender cada viño, como que matices ten cada zona. Por último, poñerá caras a marcas de interese, ademais de coñecer o pasado e o potencial dos viños galegos. 

Os autores e o seu proxecto enocultural

Martiño Santos e Xosé Gontá, os autores, son dous expertos sumilleres que en 2013 deron vida ao proxecto Vide, Vide! en Compostela. 

Partindo, daquela, dunha viaxe en autocaravana coa que percorreron todo o país visitando adegas e coñecendo viticultores, crearon un espazo enocultural que xa é un referente na capital galega. 

Ademais de contar cunha ampla tenda física no centro de Compostela para a venda directa, contan cunha variada axenda de actividades relacionadas dalgunha maneira coa cultura vitivinícola galega, entre as que figuran algunhas catas e presentacións que realizan no propio espazo.