De terzas feiras a sábados

'Nós Diario' aumenta a súa oferta con suplementos diarios de carácter temático

Deseño da autoría do grafista Pepe Barro para os suplementos temáticos que acompañarán 'Nós Diario' desde a terza feira.
‘Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de ‘Nós Diario’ no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.
Nós Diario continúa a medrar e na súa liña de ofrecer novos contidos informativos para públicos máis amplos comezará a publicar cinco suplementos temáticos que se integrarán nos xornais de terzas feiras a sábados. Trátase de suplementos temáticos de catro páxinas a cor, deseñados por Pepe Barro, un dos máis destacados grafistas da Galiza, que incorporarán máis voces especialistas nos diferentes campos que integra cada unha destas publicacións, que verán a luz a partir da próxima semana.

Patrimonio, historia, arte, memoria e máis

Nós Diario incrementa os contidos no ámbito cultural co suplemento Coñecer, que se publicará todas as terzas feiras con informacións relativas aos ámbitos da historia, da memoria, do patrimonio e das artes plásticas. Un novo espazo que trata de dar resposta ás demandas de moitas lectoras e lectores que veñen solicitando un reforzo na atención a estas temáticas e que tamén expresa o compromiso de Nós Diario coa conformación da identidade galega.

Estamos diante dun espazo en construción e aberto á participación de todas aquelas persoas interesadas nos citados campos. Entre as súas colaboradoras e colaboradores atópanse, a respecto das artes plásticas, o creador Daniel Río “Caxigueiro”; a recoñecida crítica de arte Mercedes Rozas; o profesor da USC Miguel Anxo Rodríguez e a comisaria Silvia Fiallega. A área de patrimonio vai contar coas sinaturas do escritor Lois Diéguez; do investigador e membro de Patrimonio dos Ancares Xabier Moure; da activista e directiva da asociación Colado do Vento de Sober Paula Vázquez Verao; do etnógrafo Calros Solla e do especialista en cultura marítima e patrimonio somerxido Fernando Patricio Cortizo.

O suplemento 'Coñecer' terá informacións relativas aos ámbitos da historia, da memoria, do patrimonio e das artes plásticas

Ao tempo, nas seccións de historia e memoria, escribirán a investigadora e xornalista Montse Fajardo; o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez; o secretario da revista Murguía Prudencio Viveiro; o historiador Carlos Méixome; o investigador Eliseo Fernández; o filosofo e activista de Iniciativa Galega pola Memoria Xoán Carlos Garrido ou o historiador experto no reino da Galiza Alexandre Peres Vigo.

Ciencia, I+D+i, ensino, educación ambiental...

Aprender xorde como un punto de encontro para a investigación e a divulgación, como lugar onde dar conta do labor que nestas esferas desenvolve o tecido social do país e como espazo aberto ás iniciativas que se realizan nos ámbitos científico-técnico; na investigación, desenvolvemento e innovación; no ensino; na educación ambiental; na formación... Un suplemento que rachará coa enorme distancia que existe entre o traballo das investigadoras e investigadores da Galiza e o que as persoas coñecen sobre o seu labor. Desta maneira, Nós Diario busca facer accesíbel o coñecemento especializado, é dicir, facer de ponte entre o mundo científico e o do ensino e as lectoras e lectoras.

O suplemento, que se publicará todas as cuartas feiras, trata de dar difusión á importante actividade investigadora que ferve nos laboratorios e nas aulas da Galiza e á formación en materia de medio ambiente, co fin de aumentar a concienciación e o coñecemento a respecto da problemática ambiental e para fornecer ao público das ferramentas necesarias para actuar de maneira responsábel coa biodiversidade.

Deportes e actividade física

As quintas feiras é a quenda de Xogar, coa que Nós Diario achegará a súa particular visión do mundo do deporte. A actualidade deportiva, aínda moi condicionada pola pandemia da COVID-19, combinarase coa reportaxe e a opinión nun suplemento polo que desfilarán nomes recoñecidos do panorama deportivo do país.

'Xogar' porá o foco de maneira especial na muller e no deporte

Deportes tradicionais como os bolos celtas, a chave ou a billarda; as múltiples seleccións galegas e a súa historia; o deporte de base, eterna escola de vida; o fútbol e todo o que implica; e disciplinas como o gaélico; o baloncesto; o balonmán ou o hóckey tamén contarán co seu espazo nun suplemento que porá o foco de maneira especial na muller e no deporte. Elas serán as protagonistas e porán en valor as grandes xestas das nosas deportistas presentes e pasadas.

Viaxes, gastronomía, enoloxía, natureza...

O suplemento Gozar acompañará Nós Diario todas as sextas feiras, con información sobre as grandes riquezas que ten o país e para dar conta da enorme oferta de lecer que teñen á súa disposición as galegas e galegos. A gastronomía será un dos eixos centrais deste suplemento, que dará a coñecer nas súas páxinas a profundidade da despensa, a calidade e a variedade da cultura culinaria.

No primeiro número achegaremos a crítica gastronómica do xornalista e escritor Manuel Gago e nos seguintes será posíbel coñecer o intenso lazo de unión da Galiza co pan e descubrir como facelo nas casas. Tamén se recollerán os estabelecementos máis punteiros e aqueles que gardan a mellor tradición e que ao tempo tamén son vangarda, a través de reportaxes e artigos de blogueiras e blogueiros e xornalistas gastronómicos.

A enoloxía e o mundo dos viños estará presente da man de Antón Portela, escritor, sumiller e viticultor do Morrazo, que abrirá o primeiro suplemento descubrindo algúns dos mellores viños da Galiza, convidando as lectoras e lectores a apostar por un dos sectores estratéxicos da economía galega nestes tempos de crise. Adegueiras, especialistas e catadoras irán, ao longo das semanas, dando a coñecer a enorme tradición e riqueza do viño e os proxectos máis innovadores.

A natureza será outro dos eixos deste suplemento, en que escribirán ambientalistas, ecoloxistas e biólogos como Alfredo López para divulgar a inmensa variedade de especies que habitan a Galiza. Viaxar e descubrir, con guías turísticas e investigadoras, fará posíbel atopar, sen perdernos, os lugares con máis encanto da xeografía máis próxima.

Cultivar, criar, pescar, transformar, fabricar...

Os sábados será a quenda de Producir, representa un paso adiante de Nós Diario para ofrecer información económica nun momento en que resulta de especial importancia achegar análises á sociedade e espazos de reflexión para o contraste de ideas e a formulación de alternativas. Este suplemento pretende ser un espazo para analizar e divulgar con expertos e expertas de primeira orde a realidade dos sectores produtivos, do tecido empresarial e do mercado de traballo.

Entre as colaboradoras e colaboradores atópanse docentes de economía das universidades galegas e persoas significadas no ámbito dos estudos económicos. En materia pesqueira o suplemento contará coas sinaturas de María do Carme García Negro ou Gonzalo Rodríguez; en políticas agrarias, de Edelmiro López Iglesias, Mar Pérez Fra, Bernardo Valdés, Xavier Simón ou Xosé Carballido; en cuestións industriais, de Adrián Dios ou Anxo Calvo e en políticas públicas e fiscalidade, con Xosé Díaz Antón Beiras Cal, Joam Romero Duram, Aleixo Vilas, Manuel Barbeitos, Xabier Pérez Davila ou María Cadaval.

Como conseguilos?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 26 de maio, os suplementos temáticos de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden sumarse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

Grande éxito na acollida do curso de lingua

Nós Diario publica hoxe a última entrega do seu curso “Mellor uso, máis calidade” de lingua galega coa segunda parte destinada á fraseoloxía. Con esta lección 15 ponse punto final a unha das máis aplaudidas iniciativas coa que Nós Diario conmemorou o mes das Letras. Castelanismos, Cuestión de xénero, Pronunciarmos sen complexos, Uso e abuso dos pronomes, Interferencias lexicais, Interferencias sintácticas, Ortografía, Articuladores discursivos, De preferencia, Sen abusar, Falar e escribir ben, Futuro de subxuntivo, Fraseoloxía I e Fraseoloxía II foron os temas en que se dividiu o curso. Con esta aposta Nós Diario quixo contribuír a mellorar o uso e a calidade do noso idioma, así como a axudar a corrixir aquelas interferencias que dificultan o asentamento do estándar lingüístico.